31
Xul
2008
Desculpas de mal pagador

Queda claro que o Goberno se fai o “remolón” á hora de proceder a reformar o sistema de voto dos emigrantes para que voten en urna. A Vicepresidenta do Goberno levou a cabo onte toda unha demostración de retórica evasiva para sortear o que o Parlamento galego aprobou por unanimidade, sabédelo, a proposición de lei para que a Administración central modifique o voto dos residentes ausentes e o depositen nunha urna con todas as garantías.

Acudiu ao Congreso en sesión extraordinaria por solicitude do BNG. Tratou de disipar o fundamental, o concreto con nome e apelidos, no maremágnum dunha reforma xeral da totalidade da lei eleitoral. Esa foi a entrada, utilizar o xeral para negar o concreto. O xeral para opacar o concretiño cando do que se trata é unicamente de modificar un aspeito puntual antes da seguinte convocatoria eleitoral que son as eleccións galegas. Moi simple, equiparar o sistema de voto dos residentes ausentes co que rexe para os habitantes do Estado, votar en urna para asegurar a limpeza do sistema.
E veña a voltas co consenso cando o consenso ficou claro na votación da proposición de lei na Cámara galega. E veña a voltas coa Subcomisión de estudo para reformar a lei eleitoral cando ese non é o tema. E máis voltas para logo se agachar detrás do catálogo de “complexidades técnicas” que dí que existen á hora de efectivizar o voto en urna para os que habitan no exterior.
Resulta curioso que o Estado español careza de instrumentos e capacidades para poder afrontar “esas complexidades técnicas” cando inmigrantes que viven aquí e proceden de Estados menos desenvolvidos votan en urna en consulados e embaixadas. Curioso argumento, cando menos é chamativo ou exótico por ser benévolo.
E non vale de xustificación o de implantar o voto por Internet, outra coartada máis para fuxir do imediato e deixar que o tempo pase até horizontes lonxanos. Este tema tense que arranxar xa, non esquezamos que Galiza conta co maior número de inscritos no CERA e por iso o problema ten máis transcendencia para nós. É un problema a solucionar e o único que se precisa é vontade política que polo que observo é un ingrediente que falta.

Mírese por onde se mire, houbo moitas desculpas de mal pagador. Desde logo, unha cousa quedou clara, o Goberno non vai presentar un proxecto de lei en setembro para levar a efecto esta reforma. Iso si, na traca final a Vicepresidenta intentou quedar como unha raíña coa afirmación da disposición do Goberno a aceptar e asumir o que os grupos parlamentares decidan, sexa a fórmula que sexa. Haberá que tomar nota diso.
Boas vacacións.

17
Xul
2008
Sinuosas balanzas fiscais

Houbo moito movemento declaratorio co tema das balanzas fiscais feitas públicas polo Goberno nesta semana. Confeso que non gostéi do enfoque e desde logo, menos gostéi do método que se segue para concluir ditas balanzas fiscais. Foi penoso ver o titular que a Administración central pretendeu e logrou. Resulta que Galiza é un pais subsidiado, probe e dependente da caridade do Estado. Nada máis lonxe da realidade.

Non é certa a idea que se tenta trasladar de que os galegos pagamos poucos impostos e que a cambio recibimos moito de papá Estado. A posta en escena das balanzas fiscais adoece de moita falsedade e oculta dados de relevancia. Exemplos? Ben, aí van os exemplos.
Ocúltase o feito de que non se contabilizan os impostos que pagan moitas empresas galegas que tributan en Madrid e que polo tanto van para Madrid non para Galiza. Empresas que desenvolven a súa actividade no noso pais pero logo teñen a sede social na capital do Estado que é onde se quedan cos seus impostos.
Sen esquecer que nos asignan como traspasos o que custa manter Ministerios que están en Madrid ou a construcción de infraestructuras como a terminal 4 do aeroporto de Barajas en base a que “é para todos os españois, tamén para os galegos”. Iso si, o aeroporto madrileño de Barajas ten un peso moi importante no PIB da Comunidade de Madrid, a ver nós que comemos diso.

Está claro que unhas balanzas fiscais feitas da maneira en que están feitas non poden ser un referente, non son ouro de lei. Teñen moito de tendenciosas e non expresan a realidade da situación fiscal porque omiten factores que deberían estar moi presentes.

A outra da semana é a necesaria reforma do voto dos residentes ausentes. A Vicepresidenta do Goberno comparecerá por este tema a finais deste mes e pola vía da urxencia porque o BNG se encargou de levar tal solicitude a unha Deputación Permanente do Congreso. O noso propósito é que o Goberno presente na primeira quincena de setembro un proxecto de lei para reformar a LOREG de xeito que os emigrantes voten en urna, nas mesmas condicións que os demáis, e que o fagan xa para as Eleccións Galegas do 2009. De aí a premura.

Como vexo a sintomatoloxía do Goberno sobre este tema, quero advertir que non valen as manobras de distracción, non vale argumentar coa creación de subcomisións de estudo de reforma da lei eleitoral porque estamos a falar dunha cuestión moi puntual que xa ten o consenso de todos. Que miren para a proposición de lei aprobada unánimemente no Parlamento galego, ou co feito de que todos os grupos do Congreso votaran o outro día a favor da petición do BNG para que Teresa Fernández de la Vega acuda á sede parlamentar a abordar a modificación do voto emigrante.
Non é tan complicado como o queren pintar. De feito moitos inmigrantes residentes no Estado español e orixinarios de Estados con menos recursos votan aquí nas Embaixadas sen ningún tipo de problema.

10
Xul
2008
A unidade é o as na manga

Seguro que estades ao tanto do que acontece no Parlamento galego para sacar adiante un acordo das tres forzas políticas en relación ao “nunca mencionado” AVE. É unha ironía porque son consciente de que leva días na axenda comunicativa e pode resultar incluso un pouco cargante, pero a cousa ten a suficiente entidade e relevancia como para que lle adiquemos o tempo que for preciso. Polo menos o BNG, téno claro.

Para mín ter o as na manga significa lograr a unidade das forzas políticas galegas en aras aos intereses do pais. Con iso gañamos a partida. Téñoo claro. Trátase de exhibir no Estado unha posición de pais, unha forza común co obxectivo de conseguir que se salde dunha vez a débeda que o Estado ten contraído con Galiza en materia de infraestruturas, no tren de altas prestacións. Se traballamos conxuntamente será máis doado e máis factíbel avanzar no cometido. A falla de consensos neste tipo de metas, prexudícanos claramente. Senón, mirade para atrás, acaso non foi un duro revés para Galiza ser dos poucos territorios do Estado que na anterior lexislatura non presentaron un novo Estatuto no Congreso dos Deputados? Non é evidente que saimos perdendo?

No BNG nunca fomos amigos dos vetos, por definición estamos en contra dos vetos, non vai con nós esa vía. Lembro que na pasada e frustrada intentona para negociar un novo Estatuto para Galiza, renegamos do veto que o PP interpuxo ao novo texto estatutario. Tampouco gostamos agora do veto que algúns tentan pór a unha posición común para un seguimento axeitado e un control necesario das obras do AVE. Non vai con nós esa actitude ante temas de trascendencia que están por riba de intereses partidistas. Non nos atoparedes entre os que defenden con ardor Pactos de Estado en Madrid e despois concentran as súas forzas en torpedear os Pactos de Pais na Galiza.

Non creo que sexa moito peder que se esquezan os intereses partidistas, que se deixen de lado as cuestións própias e se pense en clave de pais. A unidade de acción en cuestións que nos afectan a todos os galegos como é o asunto AVE ou como é o Estatuto debería primar sobre outro tipo de posicións.

2
Xul
2008
En aras ao acordo no Parlamento galego

Hai xa uns días que solicitéi á Ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, que proceda a convocar a Comisión Bilateral de Cooperación para cumprir co aprobado no Congreso a semana pasada: a creación dunha Subcomisión de seguimento das infraestruturas estatais na Galiza. Si, para, entre outras obras, controlar o ritmo de execución do tren de alta velocidade, ese que tantas paixóns ergue.
Así que agardo que a Ministra estea á altura das circunstancias, e agardo que o tempo non corra en balde.

A urxencia en constituir este órgao de seguimento non é unha teima miña, vén dada pola realidade. Estamos no prólogo da elaboración dos Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro 2009, e o Goberno xa está escribindo os primeiros trazos das contas do Estado. Temos que estar preparados para respostar con axilidade e propór melloras ou incrementos orzamentarios alí onde se comproben deficiencias. O órgao de seguimento do AVE ten ese cometido, esa é a razón da premura e das presas.

Por iso non é baladí o acordo unánime do Parlamento galego sobre o AVE, non é secundaria a unidade das tres forzas políticas na Cámara galega para que refrenden o acordado no Congreso e para transmitir unha mensaxe clara a Madrid: esta é unha posición de pais, non é unha postura partidaria. É moi importante que haxa unanimidade á hora de ratificar o acordo aprobado no Parlamento do Estado.

Por iso expresei públicamente hoxe a miña renuncia a presidir a delegación galega na Subcomisión de seguimento das infraestruturas galegas, e proporéi á Conselleira de Política Territorial para exercer esta responsabilidade. É unha vía en aras ao acordo e para propiciar a posición unánime no Parlamento galego. Coido que temos o mesmo punto de partida, o AVE ten que chegar nos prazos establecidos. O escollo está na cuestión da Subcomisión de seguimento, de ahí a miña renuncia a presidila. A partir de agora xa non existen os obstáculos para a unidade de acción.

Así que é a hora da calma, de actuar con sentidiño e abandoar as liortas estéris para lograr o obxectivo marcado. Desde logo o primeiriño a despexar é a cuestión dos prazos. Zapatero ten que ratificar as datas de 2012 e 2013 para o Eixo Atlántico e a conexión coa meseta, ou falar con valentía e desvelar con sinceridade os horizontes temporais posíbeis e reais.

27
Xuñ
2008
O AVE e outras consideracións

Aínda que o meu corazonciño pertence á selección galega de fútbol, non podo pasar por alto o triunfo de onte da selección española contra a selección rusa. Parabéns logo porque houbo un bón partido.

Tras este breve inciso, vou directo ao tema que recollían todos os medios de comunicación, e non podía ser menos dada a relevancia do aprobado no Congreso. Refírome aos acordos acadados na Cámara Baixa entre o BNG e o PP en relación ao tan traído e levado AVE galego. Ben polos acordos logrados para que se cumpran os prazos tanto do Eixo Atlántico como da conexión coa Meseta. Esa concreción é necesaria despois das últimas indefinicións e o pouco grao de implicación da Ministra de Fomento.
Ben tamén por ter conseguido arrancar a creación, dentro da Comisión Bilatarel Estado-Galiza, dunha Subcomisión de seguimento e avaliación das infraestruturas galegas. Un órgao de control necesario.

O PSOE decidiu ficar fóra do acordo porque así o quixo, ninguén o excluiu porque as negociacións para chegar a esta meta foron entre as tres forzas políticas pero a última hora os socialistas se descolgaron pola negativa de Fomento. Cometeron un grande erro votando en contra das dúas resolucións aprobadas no Congreso porque foi unha oportunidade excelente de refrendar un compromiso con Galiza, un compromiso co pais. É de lamentar que o PP estea desposto a chegar a acordos e que o PSOE se negue. Non hai que perder o norte neste tipo de situacións porque o que saíu de aí foi un acordo positivo para os intereses de Galiza, e nós, o BNG, sempre estamos en disposición de lograr acordos que redunden en beneficio do pais. A nosa vontade de diálogo non ten límites se do que se trata é de defender os intereses de Galiza, nese lado estaremos sempre e coa orella posta para que non se nos escape nada.

Como telón de fondo de todo isto, planea o feito de que o vivido no Congreso o outro día debe ser un baño de realismo para o Presidente do Goberno español. Ten que valer para que cambie de actitude porque está claro que se situou no mundo da inopia e no mundo da ilusión pensando que pode gobernar como se contase con maioría absoluta cando a realidade é outra.
Para o BNG non é ningún problema estar na oposición en Madrid, sabemos facer política na oposición para defender a Galiza. Zapatero comprobouno esta semana, pero para o noso pais sempre é máis beneficioso o diálogo e o acordo co Goberno. Para nós os intereses galegos están antes que calquera outra cousa. Sábeo tamén o Señor Zapatero. Máis resulta preocupante esta negativa do PSOE en Madrid a comprometerse co AVE galego, e coincide no tempo coas afirmacións do seu Secretario de Organización priorizando os pactos futuros coas forzas nacionalistas vascas e catalanas. Sabe o paisano Blanco que “en tempos de crises para todos non hai”. E pactar co BNG é sinónimo de reservar orzamentos para Galiza.

Desde logo, unha cousa debe ficar moi clara. Galiza non pode ser a pagana da crise económica, non cabe sacrificar as nosas actuacións en infraestruturas de altas prestacións ferroviarias porque as cousas vaian mal na economía. Esa mensaxe debe ser recepcionada polo Goberno porque os recursos deben ser os necesarios para rematar as obras en tempo e forma.

O éxito destes acordos non deben ficar empañados por discusións estéris. Hai que tomar nota e a partir de agora arrimar o ombro para que se efectivice o aprobado no Parlamento do Estado. Esa é a razón pola que lle transmitín á Ministra de Administracións Públicas que convoque a Comisión Bilateral Xunta-Estado o vindeiro e próximo mes de xullo co obxectivo de conformar o órgao de seguimento das obras do AVE.

18
Xuñ
2008
Máis vivendas protexidas

Cando anuncias algo simplemente avanzas o que vas facer pero cando presentas un plan quer dicer que xa existe, que ten forma e propósito de realidade. Digo isto porque esta mañá participei con Teresa Táboas na presentación do Plan Sectorial de Solo Residencial para Vivenda Protexida. Explicamos en que consiste e cal é a súa meta. Existe, claro que si, e ten forma ben definida, non é un ente en abstracto. Aí van algúns dados que reflexan as dimensións do plan nomeado.

Hai cifras, hainas. Xa séi que neste ámbito todo o mundo quer saber cantas vivendas van saír de aí. Prevése a construción de 45.000 novas vivendas de protección pública nun periodo de dez anos. 30.500 de aquí ao 2012 e 14.600 no periodo que vai de 2013 a 2017. O importe ascende a 5.200 millóns de euros e suporá a creación de 300.000 empregos. Estes son os feitos que podemos ofrecer para superar a desaceleración económica, especialmente no sector da construción.
A columna vertebral deste ambicioso plan sitúase na necesidade de paliar a falta de solo residencial nos concellos que imposibilita a construción dun número suficiente de vivendas de protección. O cometido é poder ofertar á cidadanía vivendas dignas e a prezos razoábeis.

Na práctica, o plan terá especial énfase nas áreas de gran demanda e onde non se atopan solos disponíbeis para a construción deste tipo de casas. Máis dados que sei ben que son a cara visíbel de todo proxecto. O Plan Sectorial vai cubrir un total de 8,7 millóns de metros cadrados de solo, e suporá o 20% das necesidades estimadas de vivenda protexida na Galiza.

Non quero pecar de optimista pero este Plan é unha boa nova. Súmase a outras decisións marcadas pola credibilidade que o BNG adoptou en materia de vivenda. Todos insuflados do mesmo espíritu que é a intervención pública nun ámbito moi precisado da mán administrativa. Ademáis é pioneiro no Estado, así que tamén innovamos.

12
Xuñ
2008
As solucións canto antes

É difícil non falar doutra cousa que non sexa a folga dos transportistas destes días e as repercusións conseguintes. Como se dí en linguaxe comunicativa está na axenda setting. Faléi onte nunha entrevista en Radio Nacional deste tema co fondo musical dunha canción do meu venerado Leonard Cohen. Oes, foi unha aportación propia ao programa radiofónico.

Vou tratar de ser serio e obxectivo e comezaréi por dicer que a impresionante suba dos prezos dos combustíbeis é un problema que sobrepasa ao propio Estado español, ten unha proxeción internacional. Diso hai que partir, é un feito. Mais non se pode negar que o Goberno español non teña nada que facer. Ten unha marxe de manobra, ten un ámbito competencial dentro do cal pode actuar. Algo que nós non temos. Precisamente, en momentos como o actual, estaría moi ben que Galiza puidera contar con competencias na materia para poder actuar con maior énfase neste crise e aportar solucións e alternativas. Pero a realidade é outra moi distinta.
É o Goberno do Estado quen ten algunha capacidade competencial, máis que a Xunta desde logo, e debería facer o indecíbel para buscar solucións através do diálogo e da negociación. Ese é o camiño para poder resolver o conflito. O que non me parece unha boa estratexia é deixar podrecer os procesos até o último minuto. Son dos que penso que hai que pór toda a carne no asador desde primeira hora e non levar as cousas ao extremo. Sobre todo porque o que se está a viver estes días deriva en situacións cada vez máis complexas e problemáticas.
A actualidade manda e todos vemos que na Galiza hai sectores estratéxicos para a nosa economía moi afectados por toda esta problemática, por iso sería moi negativo que as cousas continuasen polo mesmo trazado, e sobre todo, resultaría moi prexudicial prolongar o conflito no tempo. Ten que se escreber o “the end” canto antes.

Apelo á responsabilidade duns e doutros para resolver o conflito de maneira positiva.

5
Xuñ
2008
Próxima estación: o 25 de xullo

Parece cousa do demo pero xa estamos no mes de xuño, ás portas dunha nova celebración do Día da Patria. Non me tildedes de ansioso porque de aquí a aló queda un paso. Por iso decidimos no BNG lanzar hoxe mesmo a nosa campaña de actos de cara o vindeiro 25 de xullo que englobamos baixo o epígrafe de “Cremos neste Pais”.

O lema non é froito da casualidade nen unha mera pose estética. É produto dunha profunda convición que levamos até a extenuación. Porque temos esa fe tan arraigada no noso é polo que iremos a por todas nas próximas elecións ao Parlamento galego, amparados na firme idea de que é o momento do nacionalismo. É a oportunidade de que este proxecto político lidere a sociedade galega e o goberno galego.

O vindeiro Día da Patria é a terceira estación dun camiño que se iniciou nas pasadas elecións municipais co premio de ter logrado a meirande representación institucional da historia do nacionalismo. O segundo apeadeiro foron as elecións Xerais pasadas que supuxeron a nosa consolidación no Parlamento do Estado. Agora fica a terceira parada que será en forma dunha masiva movilización o 25 de xullo.
A razón de ser desta campaña previa sitúase na idoneidade de aproveitar o evento para explicar a nosa acción de goberno nestes tres anos coa posta en marcha de políticas transformadoras para o pais. No noso labor, guiámonos polo mandato de cambio que nos deron os cidadáns, polo seu desexo dunha mudanza nas políticas a emanar desde a Xunta. E nese punto agarramos ben o timón para non perder o norte.

Para non perder o fío, uns ejemplos: a constitución do Sistema Galego de Benestar, as Normas do Hábitat Galego, a Lei do Banco de Terras, o novo Decreto eólico ou a promoción da nosa cultura no exterior.
Aparellado a todo ese traballo se suma un feito xa incontestabel. O feito de termos logrado unha modificación do status de Galiza no Estado, de que sexa un pouco máis respectada e tida en conta nas políticas estatais. É un avanzo cara o recoñecemento do noso pais como nación.

Esa é a nosa pretensión, temos confianza no pais galego e esa será a dirección pola que nos imos conducir.

29
Mai
2008
O momento económico

Coido que a todos nos preocupa a denominada por uns, crise económica, por outros, desaceleración, incluso hai quen a chama retroceso, parón ou como queira que se chame á situación actual de burato económico máis ou menos voluminoso. Todo depende desde a perspectiva coa que se mire.
Certo que é difícil fuxir do decaimento do peto. Vaias onde vaias e fagas o que fagas na túa vida cotiá, nótase. Nótase á hora de pagar a cesta da compra, nótase na hipoteca, nótase cando enches o depósito de gasolina do coche, nótase no movemento comercial, en fin, está moi presente e na boca de todos. As cousas custan máis e os cartos non chegan para nos entender. Mais convén imprimir movemento ás augas estancadas.

Penso que este estado de cousas se deben afrontar de imediato, sen dilación e con ideas propias. Mentras a cousa teña remedio hai que se pór en ación canto antes. Pódense adoptar medidas para rebaixar os efectos de todo isto e que nos chegue atenuado.
Por exemplo, son dos que penso que no actual contexto é preciso tecer complicidades e mecanismos de colaboración co mundo empresarial. Estou convencido de que o auténtico repto é a utilización do autogoberno para paliar as consecuencias da crise e a creación dun tecido empresarial propio para sair airosos deste complicado momento. Por iso, aposto por unha alianza estratéxica entre a Administración galega e o tecido empresarial de Galiza para remontar o actual retroceso económico. Esa é unha.

Despois, desde os poderes públicos se fan cousas, se toman iniciativas. E algo imos facendo desde a Xunta. Poño por caso a incentivación da inversión que se fai desde o Goberno galego. 1.700 millóns para obras públicas, a creación de case 40 millóns de solo empresarial, o plano de dinamización do medio rural con 212 millóns de investimento ou a consolidación do Sistema Galego de Benestar. Son camiños que despexan o panorama, que contribúen con feitos e aportan medidas.

Temos que aproveitar e exprimir o que temos. Para iso é preciso mudar o modelo económico anterior e avanzar cara un sistema diversificado no que se potencien os sectores produtivos de Galiza. Debemos empregar o que temos e promovelo en beneficio de todos para ir salvando obstáculos.

23
Mai
2008
Reptos de futuro

Cando abrin a fiestra e miréi para arriba esta mañá atopeime de cara coa densa choiva. Un día para meterse na casa e non saír, para estar a resgardo. Conste que aínda que me incomoda porque estou todo o día no coche dun lado para outro, recibo con agrado esta descarga de auga porque son consciente de que a pedíamos a berros. Benvida sexa pois e a aguantar estoicamente algunha molladura.

Sei que vos ides rir pero de novo percorrin as rúas de Madrid centro. Tiven unha conferencia o mércores nun céntrico hotel da zona máis financieira, os almorzos informativos que organiza a axencia Europa Press e que vos sonarán de seguro. Faléi diante dun público heteroxéneo porque podo afirmar que había representantes de moitos sectores distintos: da política, do mundo empresarial e financieiro, da diplomacia internacional, da cultura, xornalistas. Moitas persoas que escoitaron o meu repaso pola nova Galiza en marcha, e os reptos a encarar nun futuro próximo.
A perla ficará para despois das Elecións galegas de 2009. Voltaréi á carga co novo Estatuto para Galiza. Non se pode pospoñer máis, non sería de recibo. Precisamos un Estatuto de nación que nos sitúe ao mesmo nivel que as demáis nacións do Estado. Así que en canto remate o vindeiro proceso eleitoral galego, proporéi iniciar o proceso ás demáis forzas políticas.

No imediato lembréi aos ouvintes que o obxectivo agora é continuar avanzando nas transferencias pendentes. Nun posto central está como non o traspaso das competencias de tráfico e seguridade vial. A primeira pedra xa está posta como sabedes coa aprobación por unanimidade dunha proposición de lei no Parlamento galego que solicita esta competencia en tráfico. A pelota está agora no tellado do Congreso dos Deputados que terá que debatila e votala. Agardaremos con paciencia.
Non obviei o tema de moda nos últimos días. Non, non faléi do PP aínda que logo tiven que respostar a unha pregunta a tal efecto. Faléi de financiamento autonómico. A vía pola que quer transitar o BNG é a da autorresponsabilización e a da autonomía financieira. Responsabilizarnos dos gastos pero desde logo tamén dos ingresos. O Estado ten moi centralizados os ingresos e descentralizados os gastos. Leva para a caixa central de Madrid e logo dí que reparte por solidariedade, unha vella canción xa gastada de tanto escoitala. Non somos un pais subsidiado, ese eslogan hai que desbotalo porque os ingresos tributarios galegos son superiores á cantidade que o Estado através do actual sistema de financiamento.

Faléi dabondo, non vos engano porque en Madrid hai que se explicar con profusión. Non esquecín o feito nen o que fica por facer. O medio rural estivo presente, a vivenda e o solo industrial foron evocados, así como o ámbito energético e as políticas de benestar social.