|
21
Nov 2008 |
Un éxito na Lei de Dependencia
No meu ir e vir á capital do Estado, arranxamos un tema de especial relevancia para Galiza. Outro paso máis que amosa ás claras a fortaleza da posición do BNG na política estatal. Estamos e contamos, e iso revirte no pais. O meu paso por Madrid foi para pechar coa Ministra de Educación, Mercedes Cabrera, diversos aspeitos relacionados cos servizos sociais, en particular coa Lei de Dependencia. Así, si que podemos traballar para que o desenvolvemento da dependencia non estea plagado de atrancos. |
|
11
Nov 2008 |
Retirarse de Afganistán
É complicado esquivar as referencias á crise económica, por mais que un trate de falar doutras cousas tamén de moito interese, non hai escapatoria posíbel. É un tema recurrente e circular, e desde logo, o primeiro motivo de preocupación da cidadanía, e así debe estar na orde de prioridades dos responsábeis políticos. É normal que os comentos sobre a situación económica acaparen a atención, salvo algúns respiros como foron as recentes eleicións norteamericanas, aínda que non hai que negar que aí tamén había moito trasfondo relacionado coa recesión económica da que, desde logo, non escapa o xigante EE.UU e o seu capital financieiro. Coa cabeza xa máis fría, coido que é hora de pensar na retirada das tropas do pais afgano, é hora de que o Goberno español inicie unha operación escalonada de retirada dos militares alí destinados. O BNG nunca amparou o envío de militares a solo afgano, a nosa posición é sobradamente coñecida porque sempre nos opuxemos ao envío de continxentes militares a Afganistán nos diversos debates producidos no Congreso dos Deputados, e a nosa liña política continúa no mesmo pensamento. A presenza nun pais soberano de continxentes militares estranxeiros non é o mellor camiño para introducir a normalidade nese territorio. Non deixa de ser unha ocupación. As vías deben ser outras, e a partir de mañá, sería convinte que comezara o momento da reflexión sobre a situación de Afganistán, sobre o sinsentido de continuar nunha misión da OTAN no vapuleado pais asiático. |
|
30
Out 2008 |
Voltamos a ser decisivos
Creo que paga a pena seguer a falar dos Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro ano. Eu que gosto do fútbol diría que foi un golazo o que marcou o BNG na negociación co Goberno. Non son só os 125 millóns adicionais que logramos para Galiza, está a axilización do traspaso das cuestións competenciais pendentes desde hai un ano. Está a creación da Comisión de Seguimento das Infraestruturas antes de Nadal, importante para comprobar a marcha do tan manoseado tren de alta velocidade. E como non, está a mellora da financiación da lei de Dependencia para Galiza. Que? Para quedarse pasmado, xa volo dixen anteriormente. Un moi bón acordo. Si, claro, hai outras moitas cousas que non están, pero niso consiste un pacto, en negociar para chegar a un acordo e se esa é a pretensión, todo non pode ser. O fundamental e que saímos gañando galegos e galegas e que, feitos como este, nos axudan a subir a autoestima, nos dan un subidón de adrenalina. É un avanzo para nós como pais poder estar na cima da política estatal, poder incidir e influir, en definitiva, sermos decisivos para a gobernabilidade do Estado. Todo iso con dous deputados no Congreso, e pensar que hai outras forzas políticas que contan con once parlamentares e non son capaces de conseguir absolutamente nada para Galiza. E por riba, permítense o luxo de criticar o que o BNG conseguíu. Resulta cando menos insólito. En fin, que en tempos de ausencia de iniciativa, todo vale para algúns. |
|
20
Out 2008 |
Un bo acordo
Non teño que pensar moito o que vou dicer, estamos satisfeitos co acordo acadado co Goberno respeito aos Orzamentos Xerais do Estado 2009. É un bo acordo, é unha boa noticia para Galiza da que podemos estar orgullosos. Por varios motivos. Primeiro porque contén decisións e medidas que repercuten positivamente no noso pais. En segundo lugar, porque significa un exercicio de responsabilidade por parte do BNG nun momento de dureza económica. Nun contexto así, os nacionalistas galegos aportamos estabilidade na política do Estado. Xa sei que durante a pasada campaña das Xerais reiteramos até a saciedade o lema de “sermos decisivos” na política estatal. Pois estamos ante un claro exemplo do dito, o pasado venres a punto de vencer o prazo para rexistrar unha emenda á totallidade dos Orzamentos estatais, o BNG foi decisivo. Os nosos dous parlamentares foron imprescindíbeis para salvar os Orzamentos Xerais e evitar unha situación na que o Goberno tivera que prorrogar as contas públicas. Un panorama nada alentador tendo en conta a que está a caer na economía. Con todas, Galiza gaña en presenza e decisión no Estado, experimenta un medre como pais. Por un lado, melloramos substancialmente o noso autogoberno, peza fundamental para xerar benestar na Galiza. Logramos unha maior dotación orzamentaria para o pais. E establécense as bases fundamentais para avanzar na aplicación da lei de Dependencia no territorio galego. Aquel momento polo que todos temos pasado, cando ollábamos con envexa como catalanes e vascos negociaban e decidían en Madrid, ese momento chegou para Galiza. A representación do BNG nas Cortes serviu de instrumento para facer realidade ese soño, e comprobar de facto que tamén o noso pais pode ter voz e voto. |
|
10
Out 2008 |
O debate do Estado no Parlamento
Sain moi contento da Asamblea Extraordinaria do BNG do domingo pasado, as cousas foron ben e aquí me tedes de novo como candidato á Presidencia da Xunta. Desde logo, non me podo queixar do respaldo. Así que paséi case da Asamblea ao Debate do Estado da Nación no Parlamento galego, non foi dun día para outro pero pouco lle faltou, houbo un luns polo medio para coller alento e trazar as ideas a debullar nun debate desa relevancia. Tiña algunhas ideas moi claras que vía con nitidez na miña mente e que consideréi oportuno e necesario expresar na miña intervención. Por iso propuxen un acordo nacional para trazar a nova fronteira do autogoberno de Galiza. Non é unha entelequia nin unha idea bonita para os arquivos do Parlamento, é unha liña real que se pode traspasar co concurso de todas as forzas políticas. E a andaina debe partir da reanudación, antes de rematar a lexislatura, dos traballos para un novo Estatuto. Non perdamos o traballo realizado, pódese aproveitar e retomamos o fío onde o deixamos para así continuar. Pensemos nun punto e seguido, nun respiro que nos demos para perfilar un novo Estatuto que recoñeza o carácter nacional de Galiza, no mesmo nivel que Catalunya e Euskadi. Un texto estatutario que erixa en lei o compromiso de ver concluidas as grandes infraestruturas para Galiza no 2012. Faléi doutras moitas cousas e, como non, repaséi o feito desde o Goberno galego. Houbo espazo para a Lei de Dependencia, para a que temos que acadar un novo modelo de financiamento. Houbo oco para a economía que está na cabeza de todos e a todos quita o sono, pero da que hai que falar con propostas, con actuacións que xa desenvolvemos desde o Goberno galego. 858 accións no rural galego cun investimento de 135 millóns. O novo decreto de regulación de aproveitamento da enerxía eólica que permitirá movilizar 5.000 millóns de euros. Unha decidida política de solo empresarial. As medidas adoptadas en materia de benestar, nomeadamente o Sistema Galego de Benestar. Así como as políticas en vivenda cun investimento público de 372 millóns para a creación de vivendas de promoción pública, ou as galescolas cunha rede que xa ten en marcha 73 centros. |
|
3
Out 2008 |
A Asamblea
Non vou dicer iso de “non estou para ninguén” mais é certo que preciso de certa calma, dunhas doses de tranquilidade e espazos de reflexión nestas corenta e oito horas que quedan para a celebración da Asamblea Nacional extraordinaria do BNG. É como unha necesidade vital de centrar a miña cabeza nesta importante cita nacionalista. Non aporto nada novo se digo que estou desexando que comece, non tanto polo nervosismo normal e lóxico que me pode invadir nas horas previas, senón porque gosto do ambiente de reunión que nos aproxima a tantos compañeiros e compañeiras, que nos permite o saúdo contemplativo e repousado, que nos permite a aperta animosa e a compensación alegre por tantos días de ausencias. Algúns nos vemos nos días habituais, apresa, co traballo polo medio e co xesto serio da actividade imparábel, pero é distinto cando nos atopamos nas Asambleas, nótase un sentimento de fraternidade que percorre o ambiente. A imaxe inicial de centos de militantes do BNG concentrados no “hall” do Pazo de Congresos de Santiago, nas horas centrais destinadas ao fervor da acreditación, é unha foto reveladora de todo iso. |
|
26
Set 2008 |
A miña candidatura
Boas, reprodúzovos a carta escrita con motivo da presentación da miña candidatura á Presidencia da Xunta na vindeira Asamblea Nacional Extraordinaria do BNG que terá lugar o 5 de outubro. Coido que aí vai todo. En Xuño de 2005 cóubome a honra de encabezar as listas do BNG para as eleccións galegas como candidato á presidencia da Xunta. Daquela, xunto co resto de candidatos e candidatas do BNG, comprometinme a traballar por un país consciente da súa capacidade, con máis autogoberno e con máis benestar. Un país máis xusto, máis próspero e máis harmónico. Un país orgulloso da súa identidade, sabedor de que só con ela Galiza poderá ocupar un papel relevante no Estado, na Europa e no mundo. Un país capaz de criar riqueza e de a distribuír equitativamente partindo das nosas potencialidades no agro, no mar, na industria e nos servizos. Un país, en fin, no que se poida producir, traballar e vivir con dignidade. Por primeira vez na súa historia, tras as eleccións de 2005 o nacionalismo galego fixo parte directamente do goberno. Como vicepresidente e cabeza do nacionalismo na Xunta de Galiza dirixín unha acción de goberno guiada polo proxecto do BNG e, xa que logo, polos intereses da maioría social de Galiza. Xunto coas conselleiras e conselleiros nacionalistas, en coordinación constante coa nosa organización, fomos quen de manter un perfil político propio, coherente cos nosos principios, fronte á oposición do PP e a tendencia a certo inmobilismo por parte do PSOE nalgúns momentos. Levamos adiante unha acción de goberno de afán transformador, malia as limitacións do marco competencial autonómico Coa perspectiva que dan máis de tres anos de goberno pódese afirmar que o acceso do BNG á Xunta de Galiza supuxo un cambio positivo que abriu unha nova etapa política no noso país. É moito, porén, o traballo pendente para facer irreversíbel o camiño que temos iniciado. - Na extensión do Sistema Galego de Benestar, satisfacendo con servizos públicos as necesidades educativas e asistenciais de crianzas, mocidade, familias, maiores e persoas dependentes así como con políticas dirixidas ao logro dunha igualdade real entre homes e mulleres. - Na normalización e difusión da nosa cultura nacional e a criazón de infraestruturas ao seu servizo así como na extensión da práctica deportiva ao conxunto da poboación. - Unha nova lei que asegure unha coordinación efectiva entre as Caixas de Aforro e o goberno galego co fin de contar cunha auténtica política financeira ao servizo da economía produtiva e a criazón de emprego no país. - A criazón de instrumentos eficaces de promoción económica e empresarial. - Novas políticas laborais, enfiadas á consecución dun verdadeiro marco galego de relacións laborais. - Unha nova política ambiental que garanta a protección dos recursos naturais de Galiza e que atenda, en particular, á cualidade das nosas augas. - A consolidación dun espazo informativo e audiovisual galego arredor de medios públicos obxectivos e comprometidos coa normalización da nosa lingua. - A intensificación e formalización das relacións de toda caste entre Galiza e Portugal no marco dunha política exterior activa. - Unha nova organización administrativa de Galiza que supere a división provincial. - A criazón dunha policía galega integral como instrumento ao servizo dunha política de seguranza propia. Coido que a nosa acción de Goberno serviu para alargar a nosa base social, afortalar a consciencia nacional do noso pobo e consolidar un espazo político nidiamente nacionalista, alén dos erros que se puidesen ter cometido. Para isto foi fundamental unha eficaz relación entre a organización e o goberno. Mellorar esta relación aínda máis é un obxectivo compartido por todos os que pensamos que o Goberno é un instrumento ao servizo do pobo e unha oportunidade para levar á práctica a alternativa política transformadora que o BNG representa. Considero, xunto cos compañeiros e compañeiras que apoian a miña candidatura, que o BNG e o Goberno galego, aínda máis no actual contexto de crise económica, deben seguir a se esforzar por manter a coordinación e o traballo conxunto coas organizacións sociais e sindicais, nomeadamente as do ámbito nacionalista. Galiza necesita nesta hora un BNG máis forte no Goberno e un Presidente Nacionalista. Sei que non son momentos doados e son consciente tamén de que o país demanda persoas e organizacións firmes na defensa das súas ideas e comprometidas cos intereses do país. Creo contar coa capacidade, coa vontade e coa experiencia que esa responsabilidade esixe. Mais o relevante é contar co apoio colectivo do BNG. Por iso o candidato e as persoas que avalan a candidatura expresamos conxuntamente as convicións que a fundamentan. Xuntos seremos quen de estar, máis outra vez, á altura do que o noso pobo espera de nós. |
|
19
Set 2008 |
Moverse na crise
Fálase de crise por todas partes. Desde logo, esta semana foi a das inestabilidades financeiras, a semana dos sustos na bolsa e dos vaivéns no mercado bursátil. Verdade é que hai poucas noticias positivas que proveñan do ámbito económico o cal instala aínda máis o sentimento de crise económica axexante, omnipresente. Desde o noso ámbito de Goberno non temos a potestade de evitar a existencia do mal momento económico, máis contamos con ámbitos de decisión para traballar na liña de rebaixar, no que se poida, os efectos da recesión. Intentar que a cidadanía perciba unha maior protección fronte ás consecuencias da crise, que sinta un maior amparo. |
|
12
Set 2008 |
O camiño cara os Orzamentos 09
Sempre é un pracer viaxar a Barcelona, son un fan da cidade a pesar do calmizo inserto no ar e que ás veces afogaba a respiración. É o de menos, con tal de voltar como dí a canción. Encantado e admirado asistín aos actos da Diada Nacional de Catalunya. Chegamos o martes á tardiña para meternos de cheo na festa organizada no Parc da Ciutadella onde tiven a oportunidade de saudar, falar e intercambiar todo tipo de elucubracións con dirixentes de CIU, con membros do Goberno tripartito e con coñecidos amigos nun ambiente festivo aliñado con música, cava e picoteo variado. Houbo tamén oportunidade de falar de cuestións políticas actuais, da próxima aterraxe dos Orzamentos Xerais do Estado para o 2009. Un momento para lle lembrar a Zapatero a súa soidade parlamentar, para lle recordar que pode ter sustento parlamentar e que non se pode actuar como se tivese maioría absoluta. Non creo que inmersos nunha crise económica relevante sexa unha boa mensaxe transmitir á cidadanía que o Goberno opta por prorrogar os Orzamentos do ano pasado. Pero existe a oportunidade, existe o futuro e a ubicuidade do diálogo, unha interlocución que sempre mantivemos e conservamos. Estamos dispostos a falar pero non a falar por falar, a falar da nada, senón a dialogar sobre a base duns compromisos que aseguren orzamentos axeitados para Galiza. Así que observemos os movementos nesa dirección. Polo de agora o Ministro de Economía e Vicepresidente Segundo do Goberno, Pedro Solbes, vaise reunir cos nosos parlamentares no Congreso para abordar a cuestión orzamentaria. A ver como evoluciona a cousa. |
|
6
Set 2008 |
O videoblog
Pensaredes que estou acostumado a iso dos “flashes”, ás fotos e a estar nas pantallas audiovisuais e que todo iso xa non me afecta, nen frío nen calor. Pero non é así. Aínda me sinto un pouco raro cando me vexo nun xornal, ou na tele ou cando me escoito logo nunha radio. Sempre pensas que poderías ter saído mellor, que se te puxeras tal cousa estarías cecáis mais favorecido, que vaia voz que teño hoxe,…Remexo e dou voltas co conto da imaxe, por iso ás veces non quero nin verme e menos escoitarme. É algo así como se me dera certa vergoña e procuro evitarme. Hoxe teréi esa sensación. Por qué? Porque na sede nacional van presentar o denominado videoblog de Quintana. Sona como se viñera do espazo, ou polo menos esa foi a miña primeira sensación cando me escoitei a definición. Son un teórico, creo moito en todo isto das novas tecnologías aínda que non son practicante puntual e escrupuloso. Conste que abro a porta a todo o que veña da mán das novas tecnoloxías, gosto de estar ao tanto da modernidade virtual, ainda que cada día se complica máis. Aprendín que a cousa do videoblog ten unha definición que supera mesmo á televisión convencional, está programado con software libre, evita o rollo porque o estilo será informal e a actualización vai ser case diaria. E agora vén o bón, permite a participación vosa con comentarios, envío de videos con mensaxes ou cuestións. Teredes o enlace para entrar na idea na mesma páxina web do BNG. Mirade a ver que vos parece e logo me contades. Por suposto que admito as críticas, mellor se son constructivas que así tomo nota. Xa veredes que aí dentro, na virtualidade, poderes ver un feixe de videos nos que aparezo en diversas situacións que teñen relación directa co que fago. Por aí está o spot realizado para presentar o videoblog, unha entradiña amena que dá idea de por onde van os tiros. |




