2
Xul
2008
En aras ao acordo no Parlamento galego

Hai xa uns días que solicitéi á Ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, que proceda a convocar a Comisión Bilateral de Cooperación para cumprir co aprobado no Congreso a semana pasada: a creación dunha Subcomisión de seguimento das infraestruturas estatais na Galiza. Si, para, entre outras obras, controlar o ritmo de execución do tren de alta velocidade, ese que tantas paixóns ergue.
Así que agardo que a Ministra estea á altura das circunstancias, e agardo que o tempo non corra en balde.

A urxencia en constituir este órgao de seguimento non é unha teima miña, vén dada pola realidade. Estamos no prólogo da elaboración dos Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro 2009, e o Goberno xa está escribindo os primeiros trazos das contas do Estado. Temos que estar preparados para respostar con axilidade e propór melloras ou incrementos orzamentarios alí onde se comproben deficiencias. O órgao de seguimento do AVE ten ese cometido, esa é a razón da premura e das presas.

Por iso non é baladí o acordo unánime do Parlamento galego sobre o AVE, non é secundaria a unidade das tres forzas políticas na Cámara galega para que refrenden o acordado no Congreso e para transmitir unha mensaxe clara a Madrid: esta é unha posición de pais, non é unha postura partidaria. É moi importante que haxa unanimidade á hora de ratificar o acordo aprobado no Parlamento do Estado.

Por iso expresei públicamente hoxe a miña renuncia a presidir a delegación galega na Subcomisión de seguimento das infraestruturas galegas, e proporéi á Conselleira de Política Territorial para exercer esta responsabilidade. É unha vía en aras ao acordo e para propiciar a posición unánime no Parlamento galego. Coido que temos o mesmo punto de partida, o AVE ten que chegar nos prazos establecidos. O escollo está na cuestión da Subcomisión de seguimento, de ahí a miña renuncia a presidila. A partir de agora xa non existen os obstáculos para a unidade de acción.

Así que é a hora da calma, de actuar con sentidiño e abandoar as liortas estéris para lograr o obxectivo marcado. Desde logo o primeiriño a despexar é a cuestión dos prazos. Zapatero ten que ratificar as datas de 2012 e 2013 para o Eixo Atlántico e a conexión coa meseta, ou falar con valentía e desvelar con sinceridade os horizontes temporais posíbeis e reais.

27
Xuñ
2008
O AVE e outras consideracións

Aínda que o meu corazonciño pertence á selección galega de fútbol, non podo pasar por alto o triunfo de onte da selección española contra a selección rusa. Parabéns logo porque houbo un bón partido.

Tras este breve inciso, vou directo ao tema que recollían todos os medios de comunicación, e non podía ser menos dada a relevancia do aprobado no Congreso. Refírome aos acordos acadados na Cámara Baixa entre o BNG e o PP en relación ao tan traído e levado AVE galego. Ben polos acordos logrados para que se cumpran os prazos tanto do Eixo Atlántico como da conexión coa Meseta. Esa concreción é necesaria despois das últimas indefinicións e o pouco grao de implicación da Ministra de Fomento.
Ben tamén por ter conseguido arrancar a creación, dentro da Comisión Bilatarel Estado-Galiza, dunha Subcomisión de seguimento e avaliación das infraestruturas galegas. Un órgao de control necesario.

O PSOE decidiu ficar fóra do acordo porque así o quixo, ninguén o excluiu porque as negociacións para chegar a esta meta foron entre as tres forzas políticas pero a última hora os socialistas se descolgaron pola negativa de Fomento. Cometeron un grande erro votando en contra das dúas resolucións aprobadas no Congreso porque foi unha oportunidade excelente de refrendar un compromiso con Galiza, un compromiso co pais. É de lamentar que o PP estea desposto a chegar a acordos e que o PSOE se negue. Non hai que perder o norte neste tipo de situacións porque o que saíu de aí foi un acordo positivo para os intereses de Galiza, e nós, o BNG, sempre estamos en disposición de lograr acordos que redunden en beneficio do pais. A nosa vontade de diálogo non ten límites se do que se trata é de defender os intereses de Galiza, nese lado estaremos sempre e coa orella posta para que non se nos escape nada.

Como telón de fondo de todo isto, planea o feito de que o vivido no Congreso o outro día debe ser un baño de realismo para o Presidente do Goberno español. Ten que valer para que cambie de actitude porque está claro que se situou no mundo da inopia e no mundo da ilusión pensando que pode gobernar como se contase con maioría absoluta cando a realidade é outra.
Para o BNG non é ningún problema estar na oposición en Madrid, sabemos facer política na oposición para defender a Galiza. Zapatero comprobouno esta semana, pero para o noso pais sempre é máis beneficioso o diálogo e o acordo co Goberno. Para nós os intereses galegos están antes que calquera outra cousa. Sábeo tamén o Señor Zapatero. Máis resulta preocupante esta negativa do PSOE en Madrid a comprometerse co AVE galego, e coincide no tempo coas afirmacións do seu Secretario de Organización priorizando os pactos futuros coas forzas nacionalistas vascas e catalanas. Sabe o paisano Blanco que “en tempos de crises para todos non hai”. E pactar co BNG é sinónimo de reservar orzamentos para Galiza.

Desde logo, unha cousa debe ficar moi clara. Galiza non pode ser a pagana da crise económica, non cabe sacrificar as nosas actuacións en infraestruturas de altas prestacións ferroviarias porque as cousas vaian mal na economía. Esa mensaxe debe ser recepcionada polo Goberno porque os recursos deben ser os necesarios para rematar as obras en tempo e forma.

O éxito destes acordos non deben ficar empañados por discusións estéris. Hai que tomar nota e a partir de agora arrimar o ombro para que se efectivice o aprobado no Parlamento do Estado. Esa é a razón pola que lle transmitín á Ministra de Administracións Públicas que convoque a Comisión Bilateral Xunta-Estado o vindeiro e próximo mes de xullo co obxectivo de conformar o órgao de seguimento das obras do AVE.

18
Xuñ
2008
Máis vivendas protexidas

Cando anuncias algo simplemente avanzas o que vas facer pero cando presentas un plan quer dicer que xa existe, que ten forma e propósito de realidade. Digo isto porque esta mañá participei con Teresa Táboas na presentación do Plan Sectorial de Solo Residencial para Vivenda Protexida. Explicamos en que consiste e cal é a súa meta. Existe, claro que si, e ten forma ben definida, non é un ente en abstracto. Aí van algúns dados que reflexan as dimensións do plan nomeado.

Hai cifras, hainas. Xa séi que neste ámbito todo o mundo quer saber cantas vivendas van saír de aí. Prevése a construción de 45.000 novas vivendas de protección pública nun periodo de dez anos. 30.500 de aquí ao 2012 e 14.600 no periodo que vai de 2013 a 2017. O importe ascende a 5.200 millóns de euros e suporá a creación de 300.000 empregos. Estes son os feitos que podemos ofrecer para superar a desaceleración económica, especialmente no sector da construción.
A columna vertebral deste ambicioso plan sitúase na necesidade de paliar a falta de solo residencial nos concellos que imposibilita a construción dun número suficiente de vivendas de protección. O cometido é poder ofertar á cidadanía vivendas dignas e a prezos razoábeis.

Na práctica, o plan terá especial énfase nas áreas de gran demanda e onde non se atopan solos disponíbeis para a construción deste tipo de casas. Máis dados que sei ben que son a cara visíbel de todo proxecto. O Plan Sectorial vai cubrir un total de 8,7 millóns de metros cadrados de solo, e suporá o 20% das necesidades estimadas de vivenda protexida na Galiza.

Non quero pecar de optimista pero este Plan é unha boa nova. Súmase a outras decisións marcadas pola credibilidade que o BNG adoptou en materia de vivenda. Todos insuflados do mesmo espíritu que é a intervención pública nun ámbito moi precisado da mán administrativa. Ademáis é pioneiro no Estado, así que tamén innovamos.

12
Xuñ
2008
As solucións canto antes

É difícil non falar doutra cousa que non sexa a folga dos transportistas destes días e as repercusións conseguintes. Como se dí en linguaxe comunicativa está na axenda setting. Faléi onte nunha entrevista en Radio Nacional deste tema co fondo musical dunha canción do meu venerado Leonard Cohen. Oes, foi unha aportación propia ao programa radiofónico.

Vou tratar de ser serio e obxectivo e comezaréi por dicer que a impresionante suba dos prezos dos combustíbeis é un problema que sobrepasa ao propio Estado español, ten unha proxeción internacional. Diso hai que partir, é un feito. Mais non se pode negar que o Goberno español non teña nada que facer. Ten unha marxe de manobra, ten un ámbito competencial dentro do cal pode actuar. Algo que nós non temos. Precisamente, en momentos como o actual, estaría moi ben que Galiza puidera contar con competencias na materia para poder actuar con maior énfase neste crise e aportar solucións e alternativas. Pero a realidade é outra moi distinta.
É o Goberno do Estado quen ten algunha capacidade competencial, máis que a Xunta desde logo, e debería facer o indecíbel para buscar solucións através do diálogo e da negociación. Ese é o camiño para poder resolver o conflito. O que non me parece unha boa estratexia é deixar podrecer os procesos até o último minuto. Son dos que penso que hai que pór toda a carne no asador desde primeira hora e non levar as cousas ao extremo. Sobre todo porque o que se está a viver estes días deriva en situacións cada vez máis complexas e problemáticas.
A actualidade manda e todos vemos que na Galiza hai sectores estratéxicos para a nosa economía moi afectados por toda esta problemática, por iso sería moi negativo que as cousas continuasen polo mesmo trazado, e sobre todo, resultaría moi prexudicial prolongar o conflito no tempo. Ten que se escreber o “the end” canto antes.

Apelo á responsabilidade duns e doutros para resolver o conflito de maneira positiva.

5
Xuñ
2008
Próxima estación: o 25 de xullo

Parece cousa do demo pero xa estamos no mes de xuño, ás portas dunha nova celebración do Día da Patria. Non me tildedes de ansioso porque de aquí a aló queda un paso. Por iso decidimos no BNG lanzar hoxe mesmo a nosa campaña de actos de cara o vindeiro 25 de xullo que englobamos baixo o epígrafe de “Cremos neste Pais”.

O lema non é froito da casualidade nen unha mera pose estética. É produto dunha profunda convición que levamos até a extenuación. Porque temos esa fe tan arraigada no noso é polo que iremos a por todas nas próximas elecións ao Parlamento galego, amparados na firme idea de que é o momento do nacionalismo. É a oportunidade de que este proxecto político lidere a sociedade galega e o goberno galego.

O vindeiro Día da Patria é a terceira estación dun camiño que se iniciou nas pasadas elecións municipais co premio de ter logrado a meirande representación institucional da historia do nacionalismo. O segundo apeadeiro foron as elecións Xerais pasadas que supuxeron a nosa consolidación no Parlamento do Estado. Agora fica a terceira parada que será en forma dunha masiva movilización o 25 de xullo.
A razón de ser desta campaña previa sitúase na idoneidade de aproveitar o evento para explicar a nosa acción de goberno nestes tres anos coa posta en marcha de políticas transformadoras para o pais. No noso labor, guiámonos polo mandato de cambio que nos deron os cidadáns, polo seu desexo dunha mudanza nas políticas a emanar desde a Xunta. E nese punto agarramos ben o timón para non perder o norte.

Para non perder o fío, uns ejemplos: a constitución do Sistema Galego de Benestar, as Normas do Hábitat Galego, a Lei do Banco de Terras, o novo Decreto eólico ou a promoción da nosa cultura no exterior.
Aparellado a todo ese traballo se suma un feito xa incontestabel. O feito de termos logrado unha modificación do status de Galiza no Estado, de que sexa un pouco máis respectada e tida en conta nas políticas estatais. É un avanzo cara o recoñecemento do noso pais como nación.

Esa é a nosa pretensión, temos confianza no pais galego e esa será a dirección pola que nos imos conducir.

29
Mai
2008
O momento económico

Coido que a todos nos preocupa a denominada por uns, crise económica, por outros, desaceleración, incluso hai quen a chama retroceso, parón ou como queira que se chame á situación actual de burato económico máis ou menos voluminoso. Todo depende desde a perspectiva coa que se mire.
Certo que é difícil fuxir do decaimento do peto. Vaias onde vaias e fagas o que fagas na túa vida cotiá, nótase. Nótase á hora de pagar a cesta da compra, nótase na hipoteca, nótase cando enches o depósito de gasolina do coche, nótase no movemento comercial, en fin, está moi presente e na boca de todos. As cousas custan máis e os cartos non chegan para nos entender. Mais convén imprimir movemento ás augas estancadas.

Penso que este estado de cousas se deben afrontar de imediato, sen dilación e con ideas propias. Mentras a cousa teña remedio hai que se pór en ación canto antes. Pódense adoptar medidas para rebaixar os efectos de todo isto e que nos chegue atenuado.
Por exemplo, son dos que penso que no actual contexto é preciso tecer complicidades e mecanismos de colaboración co mundo empresarial. Estou convencido de que o auténtico repto é a utilización do autogoberno para paliar as consecuencias da crise e a creación dun tecido empresarial propio para sair airosos deste complicado momento. Por iso, aposto por unha alianza estratéxica entre a Administración galega e o tecido empresarial de Galiza para remontar o actual retroceso económico. Esa é unha.

Despois, desde os poderes públicos se fan cousas, se toman iniciativas. E algo imos facendo desde a Xunta. Poño por caso a incentivación da inversión que se fai desde o Goberno galego. 1.700 millóns para obras públicas, a creación de case 40 millóns de solo empresarial, o plano de dinamización do medio rural con 212 millóns de investimento ou a consolidación do Sistema Galego de Benestar. Son camiños que despexan o panorama, que contribúen con feitos e aportan medidas.

Temos que aproveitar e exprimir o que temos. Para iso é preciso mudar o modelo económico anterior e avanzar cara un sistema diversificado no que se potencien os sectores produtivos de Galiza. Debemos empregar o que temos e promovelo en beneficio de todos para ir salvando obstáculos.

23
Mai
2008
Reptos de futuro

Cando abrin a fiestra e miréi para arriba esta mañá atopeime de cara coa densa choiva. Un día para meterse na casa e non saír, para estar a resgardo. Conste que aínda que me incomoda porque estou todo o día no coche dun lado para outro, recibo con agrado esta descarga de auga porque son consciente de que a pedíamos a berros. Benvida sexa pois e a aguantar estoicamente algunha molladura.

Sei que vos ides rir pero de novo percorrin as rúas de Madrid centro. Tiven unha conferencia o mércores nun céntrico hotel da zona máis financieira, os almorzos informativos que organiza a axencia Europa Press e que vos sonarán de seguro. Faléi diante dun público heteroxéneo porque podo afirmar que había representantes de moitos sectores distintos: da política, do mundo empresarial e financieiro, da diplomacia internacional, da cultura, xornalistas. Moitas persoas que escoitaron o meu repaso pola nova Galiza en marcha, e os reptos a encarar nun futuro próximo.
A perla ficará para despois das Elecións galegas de 2009. Voltaréi á carga co novo Estatuto para Galiza. Non se pode pospoñer máis, non sería de recibo. Precisamos un Estatuto de nación que nos sitúe ao mesmo nivel que as demáis nacións do Estado. Así que en canto remate o vindeiro proceso eleitoral galego, proporéi iniciar o proceso ás demáis forzas políticas.

No imediato lembréi aos ouvintes que o obxectivo agora é continuar avanzando nas transferencias pendentes. Nun posto central está como non o traspaso das competencias de tráfico e seguridade vial. A primeira pedra xa está posta como sabedes coa aprobación por unanimidade dunha proposición de lei no Parlamento galego que solicita esta competencia en tráfico. A pelota está agora no tellado do Congreso dos Deputados que terá que debatila e votala. Agardaremos con paciencia.
Non obviei o tema de moda nos últimos días. Non, non faléi do PP aínda que logo tiven que respostar a unha pregunta a tal efecto. Faléi de financiamento autonómico. A vía pola que quer transitar o BNG é a da autorresponsabilización e a da autonomía financieira. Responsabilizarnos dos gastos pero desde logo tamén dos ingresos. O Estado ten moi centralizados os ingresos e descentralizados os gastos. Leva para a caixa central de Madrid e logo dí que reparte por solidariedade, unha vella canción xa gastada de tanto escoitala. Non somos un pais subsidiado, ese eslogan hai que desbotalo porque os ingresos tributarios galegos son superiores á cantidade que o Estado através do actual sistema de financiamento.

Faléi dabondo, non vos engano porque en Madrid hai que se explicar con profusión. Non esquecín o feito nen o que fica por facer. O medio rural estivo presente, a vivenda e o solo industrial foron evocados, así como o ámbito energético e as políticas de benestar social.

17
Mai
2008
A nosa lingua é potencia

Nestes días recuperamos a figura intelectual e o labor cultural de Xosé María Álvarez Blázquez, dándolle anovada vida ao seu afoutado compromiso coa divulgación da nosa cultura e lingua nuns tempos cangados de atrancos discriminatorios ben difíciles de remover. Recupéranse felizmente, entre outras moitas das súas iniciativas, os libros do Moucho, un imaxinativo produto editorial que Álvarez Blázquez tornou na chave coa que abriu a porta de milleiros de fogares do noso país á lingua e á cultura que nos é propia.

Álvarez Blázquez soubo recoñecer a potencia da nosa lingua e a súa potencialidade como capital intanxíbel, xerador de riqueza cultural e materia prima das nosas industrias culturais e do coñecemento, e, por iso, lembrámolo hoxe, con gratitude e agarimo, como un entusiasta activista cultural confiado nas capacidades de futuro do galego e como un creador de novas oportunidades para a lingua coa que Galiza se expresa no mundo.

A lingua galega é un patrimonio cultural de todos os galegos e galegas que aspiramos a vivir plenamente no noso idioma, pero tamén debe selo daquelas persoas que cotiamente fan uso indistinto de galego e castelán para comunicarse, e mesmo dos castelanfalantes que tendo competencia abonda para usar a lingua de Galiza aínda non se deciden a facelo. Os estudos sociolingüísticos expresan reiteradamente que o galego é a lingua habitual de dous terzos da poboación de Galiza e que o 98% o entende sen dificultade ningunha. Indiscutibelmente a nosa lingua é un patrimonio doadamente accesíbel para unha esmagadora maioría dos cidadáns e cidadás do noso país e, mesmo nos ámbitos urbanos, son máis os que se manifestan receptivos e valoran positivamente as políticas de normalización ou á presenza do galego na escola.

Sobre a base desa recepción positiva e das doadas condicións de accesibilidade a nosa lingua aséntase un amplo consenso social para afianzar no noso país unha cultura lingüística que afirma o galego como lingua propia de Galiza, oficial á par do castelán, sostendo accións positivas para a súa normalización para superar así a situación de desvantaxe que a pexa fronte ao castelán e poder crear condicións efectivas de liberdade cultural e lingüística, garantindo as maiores posibilidades para optar polo uso da lingua propia en todos os planos da vida social.

Cómpre non darse a engano; actualmente, a maioría das persoas que son bilingües proceden de ambientes galegófonos e o esforzo normalizador a prol da lingua galega en nada erosiona os dereitos lingüísticos dos galegos castelanfalantes, moi ao contrario é peza imprescindíbel para facer realidade, entre outras cousas, un modelo de educación que posibilite o dominio efectivo de máis dunha lingua, garantindo unha igualdade real de oportunidades para o acceso ao coñecemento do galego en tanto que lingua en situación de desvantaxe.

Hai voces interesadas en cuestionar o modelo consensuado, creando un imaxinario de imposición do galego e privación de liberdades lingüísticas. Unha lectura fraudulenta da realidade que agocha, sob pano da defensa do bilingüismo, a vontade de facer Galiza unha sociedade monolingüe en castelán; unha sorte de suicidio do noso país ao privarnos dun dos nosos sinais fundamentais de identidade e dun dos nosos capitais culturais de maior futuro.

As estratexias coas que queremos garantirlle o futuro á lingua galega baséanse no convencemento, na argumentación e mesmo na sedución. O éxito da lingua galega virá polo convencemento e a implicación cidadá. Crear novos espazos educativos, de socialización e comunicación en galego, multiplicar o número de falantes, salientar o valor identitario da nosa lingua, destacar as súas potencialidades como lingua para a creación e a xeración de novos coñecementos, enriquecer o prestixio do noso idioma e coidar do recoñecemento dos seus falantes, ou facer da nosa lingua e da cultura un ben público que debe ser preservado para as xeracións futuras son obrigas e responsabilidades que competen ás institucións do autogoberno de Galiza pero que esixen para ser exitosas e viábeis da participación e compromiso activo de todos os cidadáns e cidadás.

Dise con razón que as leis abren portas, pero que tan importante como abrir as portas é convidar a entrar. Hoxe, no Día das nosas letras, renovamos o noso compromiso coa lingua galega e reiteramos un convite colectivo para darlle unha longa vida e futuro.

15
Mai
2008
Cooperación intelixente

Boas. Aquí estou de novo despois dunha semana un tanto “out” porque se me agolpou o traballo, unha cousa tras outra e con breves intervalos para respirar. Por iso aínda miro agora con calma para o ordenador.

Últimamente ando moito por Madrid. Hai moitos temas que forzosamente hai que tratar con Ministerios diversos, por iso non queda máis remedio que coller a estrada e tira cara a capital. O luns pasado estiven coa Ministra de Educación e Política Social. Tiñamos que abordar as competencias coincidentes. Falamos de dependencia e de educación infantil porque temos traballo conxunto por diante. Teño na cabeza a obsesión de que no 2010 academos o ratio do 33% de cobertura en prazas de educación infantil de 0 a 3 anos establecido pola UE. Por iso acordamos realizar un estudo da posibilidade de desenvolver un plano cofinanciado.

Non foi nada doado avanzar dado o punto de partida co que nos atopamos. Os mandatos anteriores do PP só deixaron unha taxa de cobertura do 11%. Levamos dous anos traballando e logramos chegar a unha porcentaxe do 16%. Non está nada mal, en apenas dous anos cinco puntos máis.

O outro pé das nosas conversas tivo como epicentro a lei estatal de dependencia que sabedes que a súa execución nos toca ás Comunidades Autónomas. Aquí teño que pór dados sobre a mesa porque ás veces se propagan opinións que non se corresponden coa realidade das cifras. Na Galiza están contabilizadas 95.000 persoas dependentes. Hai 46.122 solicitudes de valoración presentadas e vamos por 28.545 persoas valoradas, o que significa o 61,95 das solicitudes presentadas. Estos son os feitos e debo dicer que para acadar estas porcentaxes tivemos que triplicar as equipas de valoración. Coido que os números abren a porta ao optimismo porque a cousa marcha ben, con este ritmo penso que despois do verán estarán niveladas as solicitudes e as valoracións realizadas. É un tema complicado e hai que ser conscientes de que non se poden resolver estos expedientes da noite para a mañá.

7
Mai
2008
Relación Xunta-Estado

Onte tivemos un encontro coa Ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado. A ese encontro levéi a proposta de modificar a Comisión Bilateral Xunta-Estado para semellala ao formato que xa teñen outros territorios. Trátase de ter un instrumento de relación co Goberno central na mesma liña que teñen xa outros Gobernos autonómicos.

É normal que a Ministra o mire con distancia, non é de estranar, é a lóxica e tradicional actitude do Goberno central que sempre quer manter as súas competencias. Pero mira, non estamos cansos de escoitar o non da Administración do Estado á transferencia de tráfico a Galiza?, e sen ir mái lonxe, onte mesmo, a Ministra falou da iniciativa unánime do Parlamento galego como algo normal que logo deberá ser debatida no Congreso dos Deputados. Mirouna con respecto. Isto débese á insistencia do Goberno galego e á unidade de todos os grupos parlamentares do pais.

Esa mesma unidade é a que gostaría para respaldar a proposta de modificación do regulamento da Comisión Bilateral Xunta-Estado da que vos estou a falar. Mañá trasladaréi ás forzas parlamentares galegas a proposta para que a coñezan e presenten as súas aportacións. Non sería necesario pero gosto da política do consenso cando estamos a falar de aprofundar no noso autogoberno ou de definir as relacións co Estado.

Para min non hai incompatibilidade entre o desexo de que Galiza conte cunha auténtica relación bilateral co Estado, igual que o que ten agora Catalunya, e a mellora do noso autogoberno en atención á axenda marcada, o traspaso efectivo das competencias comprometidas no seu día con Zapatero. Unha cousa non quita a outra. E desde logo, debemos manter o nivel de esixencia e de reivindicación democrática. Na medida en que pidamos autogoberno, termos autogoberno, pero se agardamos a que o Goberno central nos agasalle con autogoberno imos listos porque non haberá regalos dese estilo.