Moverse na crise
Fálase de crise por todas partes. Desde logo, esta semana foi a das inestabilidades financeiras, a semana dos sustos na bolsa e dos vaivéns no mercado bursátil. Verdade é que hai poucas noticias positivas que proveñan do ámbito económico o cal instala aínda máis o sentimento de crise económica axexante, omnipresente.
Habería que aportar algo distinto, habería que apostar por actuar e non falar. Coido que xa se “platica” dabondo e se analiza moito. Un pouco de acción non viría mal. Comentar as xogadas da crise é necesario pero aínda é máis preciso que se fagan movementos, que se active o mecanismo e se poñan en marcha medidas. Penso que os cidadáns agradecen de veras que os Gobernos actúen. Que nos movamos.
Desde o noso ámbito de Goberno non temos a potestade de evitar a existencia do mal momento económico, máis contamos con ámbitos de decisión para traballar na liña de rebaixar, no que se poida, os efectos da recesión. Intentar que a cidadanía perciba unha maior protección fronte ás consecuencias da crise, que sinta un maior amparo.
Precisamente, nesta dirección vai o que presentamos o pasado mércores: o proxecto de urbanización do Polígono Residencial de Valdecorvos que dotará a Pontevedra de máis de 500 vivendas protexidas.
Alguén preguntará que relación ten isto con aliviar os efectos da crise. Pois ten unha dupla relación. Por un lado, ofertar vivenda protexida que tanta demanda tén, sobre todo nos sectores sociais máis desfavorecidos, e polo outro, xerar carga de traballo para o sector da construcción, un dos sectores seriamente afectados pola recesión.
Así que nesas estamos.




