A miña candidatura


Boas, reprodúzovos a carta escrita con motivo da presentación da miña candidatura á Presidencia da Xunta na vindeira Asamblea Nacional Extraordinaria do BNG que terá lugar o 5 de outubro. Coido que aí vai todo.

En Xuño de 2005 cóubome a honra de encabezar as listas do BNG para as eleccións galegas como candidato á presidencia da Xunta. Daquela, xunto co resto de candidatos e candidatas do BNG, comprometinme a traballar por un país consciente da súa capacidade, con máis autogoberno e con máis benestar. Un país máis xusto, máis próspero e máis harmónico. Un país orgulloso da súa identidade, sabedor de que só con ela Galiza poderá ocupar un papel relevante no Estado, na Europa e no mundo. Un país capaz de criar riqueza e de a distribuír equitativamente partindo das nosas potencialidades no agro, no mar, na industria e nos servizos. Un país, en fin, no que se poida producir, traballar e vivir con dignidade.

Por primeira vez na súa historia, tras as eleccións de 2005 o nacionalismo galego fixo parte directamente do goberno. Como vicepresidente e cabeza do nacionalismo na Xunta de Galiza dirixín unha acción de goberno guiada polo proxecto do BNG e, xa que logo, polos intereses da maioría social de Galiza. Xunto coas conselleiras e conselleiros nacionalistas, en coordinación constante coa nosa organización, fomos quen de manter un perfil político propio, coherente cos nosos principios, fronte á oposición do PP e a tendencia a certo inmobilismo por parte do PSOE nalgúns momentos. Levamos adiante unha acción de goberno de afán transformador, malia as limitacións do marco competencial autonómico Coa perspectiva que dan máis de tres anos de goberno pódese afirmar que o acceso do BNG á Xunta de Galiza supuxo un cambio positivo que abriu unha nova etapa política no noso país. É moito, porén, o traballo pendente para facer irreversíbel o camiño que temos iniciado.
Como candidato á Presidencia da Xunta, xuntamente cos compañeiros, compañeiras e correntes do BNG que me prestan o seu apoio, comprométome a traballar para que o nacionalismo avance nas próximas eleccións de forma que o goberno que delas resulte permita afondar e consolidar os logros desta primeira etapa:
- No desenvolvemento de sectores básicos da nosa economía como a industria, a enerxía, o comercio e o I+D+i e na súa defensa fronte ás políticas do Estado e a UE, nomeadamente a respecto da volta de ASTANO á construción naval civil.
- Na posta en marcha dunha nova política agrícola, gandeira e forestal no camiño de lograr un medio rural próspero e un país equilibrado, impulsando activamente a criazón dun grupo lácteo galego.

- Na extensión do Sistema Galego de Benestar, satisfacendo con servizos públicos as necesidades educativas e asistenciais de crianzas, mocidade, familias, maiores e persoas dependentes así como con políticas dirixidas ao logro dunha igualdade real entre homes e mulleres.

- Na normalización e difusión da nosa cultura nacional e a criazón de infraestruturas ao seu servizo así como na extensión da práctica deportiva ao conxunto da poboación.
- Na promoción dunha política social de vivenda e dunha política activa de dotación de solo industrial que responda ás necesidades do país.
Lograrmos que o próximo goberno galego conte cun Presidente Nacionalista será decisivo para contarmos con máis determinación e capacidade para elaborar e aplicar alternativas programáticas pendentes, de grande calado como:

- Unha nova lei que asegure unha coordinación efectiva entre as Caixas de Aforro e o goberno galego co fin de contar cunha auténtica política financeira ao servizo da economía produtiva e a criazón de emprego no país.

- A criazón de instrumentos eficaces de promoción económica e empresarial.
- A melloría asistencial nos servizos sanitarios, garantindo plenamente o seu carácter público.
- A aposta por unha rede educativa pública e de cualidade.

- Novas políticas laborais, enfiadas á consecución dun verdadeiro marco galego de relacións laborais.
- Unha política pesqueira e marisqueira sustentábel e comprometida co futuro dun sector estratéxico para o país.
- Novas políticas de ordenamento territorial que, desde unha perspectiva integral, conxuguen a preservación do medio e o desenvolvemento urbanístico.

- Unha nova política ambiental que garanta a protección dos recursos naturais de Galiza e que atenda, en particular, á cualidade das nosas augas.

- A consolidación dun espazo informativo e audiovisual galego arredor de medios públicos obxectivos e comprometidos coa normalización da nosa lingua.

- A intensificación e formalización das relacións de toda caste entre Galiza e Portugal no marco dunha política exterior activa.
- A articulación dunha política galega de transporte público incluída a criazón dunha Empresa Galega de Camiños de Ferro para a prestación de servizos de cercanías.
- A reforma da Administración para diminuír a súa burocratización e a converter nun instrumento máis áxil e eficaz de servizo á cidadanía e ao país.

- Unha nova organización administrativa de Galiza que supere a división provincial.

- A criazón dunha policía galega integral como instrumento ao servizo dunha política de seguranza propia.
- E, por suposto, un novo impulso aos procesos de normalización do noso idioma en todos os ámbitos.
A conquista do Estatuto de Nación que Galiza necesita é un obxectivo pendente. Só o nacionalismo garante a súa defensa, como puidemos comprobar nesta lexislatura. Fixémolo con empeño e concreción, a mesma que demostramos coa reclamación de competencias desde o Goberno e o Parlamento Galego ( Conca Hidrográfica do Miño-Sil, Policía Integral e Tránsito, Inspección de Traballo, titularidade de Museos e Bibliotecas…). A nosa política consistiu en reivindicar avances, dentro da clara perspectiva de que o Estado español debe converterse nun Estado plurinacional e de que queremos exercer un auténtico autogoberno. Por iso defendemos e defenderemos un modelo de financiamento que se fundamente nos criterios de suficiencia, autonomía, responsabilidade e lealdade, coa certeza de que Galiza ten capacidade fiscal e de que vive do seu esforzo e traballo. Un goberno presidido polo nacionalismo é sinónimo de máis autogoberno e de mellor financiamento para Galiza.

Coido que a nosa acción de Goberno serviu para alargar a nosa base social, afortalar a consciencia nacional do noso pobo e consolidar un espazo político nidiamente nacionalista, alén dos erros que se puidesen ter cometido. Para isto foi fundamental unha eficaz relación entre a organización e o goberno. Mellorar esta relación aínda máis é un obxectivo compartido por todos os que pensamos que o Goberno é un instrumento ao servizo do pobo e unha oportunidade para levar á práctica a alternativa política transformadora que o BNG representa. Considero, xunto cos compañeiros e compañeiras que apoian a miña candidatura, que o BNG e o Goberno galego, aínda máis no actual contexto de crise económica, deben seguir a se esforzar por manter a coordinación e o traballo conxunto coas organizacións sociais e sindicais, nomeadamente as do ámbito nacionalista.

Galiza necesita nesta hora un BNG máis forte no Goberno e un Presidente Nacionalista. Sei que non son momentos doados e son consciente tamén de que o país demanda persoas e organizacións firmes na defensa das súas ideas e comprometidas cos intereses do país. Creo contar coa capacidade, coa vontade e coa experiencia que esa responsabilidade esixe. Mais o relevante é contar co apoio colectivo do BNG. Por iso o candidato e as persoas que avalan a candidatura expresamos conxuntamente as convicións que a fundamentan. Xuntos seremos quen de estar, máis outra vez, á altura do que o noso pobo espera de nós.

Deixar unha Resposta