A Asamblea
Non vou dicer iso de “non estou para ninguén” mais é certo que preciso de certa calma, dunhas doses de tranquilidade e espazos de reflexión nestas corenta e oito horas que quedan para a celebración da Asamblea Nacional extraordinaria do BNG. É como unha necesidade vital de centrar a miña cabeza nesta importante cita nacionalista.
Non aporto nada novo se digo que estou desexando que comece, non tanto polo nervosismo normal e lóxico que me pode invadir nas horas previas, senón porque gosto do ambiente de reunión que nos aproxima a tantos compañeiros e compañeiras, que nos permite o saúdo contemplativo e repousado, que nos permite a aperta animosa e a compensación alegre por tantos días de ausencias. Algúns nos vemos nos días habituais, apresa, co traballo polo medio e co xesto serio da actividade imparábel, pero é distinto cando nos atopamos nas Asambleas, nótase un sentimento de fraternidade que percorre o ambiente.
Además tamén posibilita o encontro con tantos compañeiros que case non vemos.
A imaxe inicial de centos de militantes do BNG concentrados no “hall” do Pazo de Congresos de Santiago, nas horas centrais destinadas ao fervor da acreditación, é unha foto reveladora de todo iso.
Agora permitídeme que desapareza até o domingo de Asamblea, un día importante para min.




