O debate do Estado no Parlamento


Sain moi contento da Asamblea Extraordinaria do BNG do domingo pasado, as cousas foron ben e aquí me tedes de novo como candidato á Presidencia da Xunta. Desde logo, non me podo queixar do respaldo.

Así que paséi case da Asamblea ao Debate do Estado da Nación no Parlamento galego, non foi dun día para outro pero pouco lle faltou, houbo un luns polo medio para coller alento e trazar as ideas a debullar nun debate desa relevancia. Tiña algunhas ideas moi claras que vía con nitidez na miña mente e que consideréi oportuno e necesario expresar na miña intervención. Por iso propuxen un acordo nacional para trazar a nova fronteira do autogoberno de Galiza.

Non é unha entelequia nin unha idea bonita para os arquivos do Parlamento, é unha liña real que se pode traspasar co concurso de todas as forzas políticas. E a andaina debe partir da reanudación, antes de rematar a lexislatura, dos traballos para un novo Estatuto. Non perdamos o traballo realizado, pódese aproveitar e retomamos o fío onde o deixamos para así continuar. Pensemos nun punto e seguido, nun respiro que nos demos para perfilar un novo Estatuto que recoñeza o carácter nacional de Galiza, no mesmo nivel que Catalunya e Euskadi. Un texto estatutario que erixa en lei o compromiso de ver concluidas as grandes infraestruturas para Galiza no 2012.
Mais o outro compoñente real para avanzar no autogoberno ten o nome de modelo de financiamento propio e singular para Galiza.

Faléi doutras moitas cousas e, como non, repaséi o feito desde o Goberno galego. Houbo espazo para a Lei de Dependencia, para a que temos que acadar un novo modelo de financiamento. Houbo oco para a economía que está na cabeza de todos e a todos quita o sono, pero da que hai que falar con propostas, con actuacións que xa desenvolvemos desde o Goberno galego. 858 accións no rural galego cun investimento de 135 millóns. O novo decreto de regulación de aproveitamento da enerxía eólica que permitirá movilizar 5.000 millóns de euros. Unha decidida política de solo empresarial. As medidas adoptadas en materia de benestar, nomeadamente o Sistema Galego de Benestar. Así como as políticas en vivenda cun investimento público de 372 millóns para a creación de vivendas de promoción pública, ou as galescolas cunha rede que xa ten en marcha 73 centros.
Só quería dar algunhas pinceladas do que alí faléi, pero que conste que dixen outras moitas cousas.

Deixar unha Resposta