Un bo acordo
Non teño que pensar moito o que vou dicer, estamos satisfeitos co acordo acadado co Goberno respeito aos Orzamentos Xerais do Estado 2009. É un bo acordo, é unha boa noticia para Galiza da que podemos estar orgullosos. Por varios motivos. Primeiro porque contén decisións e medidas que repercuten positivamente no noso pais. En segundo lugar, porque significa un exercicio de responsabilidade por parte do BNG nun momento de dureza económica. Nun contexto así, os nacionalistas galegos aportamos estabilidade na política do Estado.
Xa sei que durante a pasada campaña das Xerais reiteramos até a saciedade o lema de “sermos decisivos” na política estatal. Pois estamos ante un claro exemplo do dito, o pasado venres a punto de vencer o prazo para rexistrar unha emenda á totallidade dos Orzamentos estatais, o BNG foi decisivo. Os nosos dous parlamentares foron imprescindíbeis para salvar os Orzamentos Xerais e evitar unha situación na que o Goberno tivera que prorrogar as contas públicas. Un panorama nada alentador tendo en conta a que está a caer na economía.
Con todas, Galiza gaña en presenza e decisión no Estado, experimenta un medre como pais. Por un lado, melloramos substancialmente o noso autogoberno, peza fundamental para xerar benestar na Galiza. Logramos unha maior dotación orzamentaria para o pais. E establécense as bases fundamentais para avanzar na aplicación da lei de Dependencia no territorio galego.
Aquel momento polo que todos temos pasado, cando ollábamos con envexa como catalanes e vascos negociaban e decidían en Madrid, ese momento chegou para Galiza. A representación do BNG nas Cortes serviu de instrumento para facer realidade ese soño, e comprobar de facto que tamén o noso pais pode ter voz e voto.




