Retirarse de Afganistán
É complicado esquivar as referencias á crise económica, por mais que un trate de falar doutras cousas tamén de moito interese, non hai escapatoria posíbel. É un tema recurrente e circular, e desde logo, o primeiro motivo de preocupación da cidadanía, e así debe estar na orde de prioridades dos responsábeis políticos. É normal que os comentos sobre a situación económica acaparen a atención, salvo algúns respiros como foron as recentes eleicións norteamericanas, aínda que non hai que negar que aí tamén había moito trasfondo relacionado coa recesión económica da que, desde logo, non escapa o xigante EE.UU e o seu capital financieiro.
Logo acontecen desgracias como o atentado en Afganistán no que morreron dous militares, un deles de Vigo. Asistín ao funeral, son momentos moi amargos, tristes e que empequenecen calquer outra cousa. Ante a morte todo se relativiza e parece que o tempo se para, mais, despois, a roda seguer a rodar.
Coa cabeza xa máis fría, coido que é hora de pensar na retirada das tropas do pais afgano, é hora de que o Goberno español inicie unha operación escalonada de retirada dos militares alí destinados. O BNG nunca amparou o envío de militares a solo afgano, a nosa posición é sobradamente coñecida porque sempre nos opuxemos ao envío de continxentes militares a Afganistán nos diversos debates producidos no Congreso dos Deputados, e a nosa liña política continúa no mesmo pensamento. A presenza nun pais soberano de continxentes militares estranxeiros non é o mellor camiño para introducir a normalidade nese territorio. Non deixa de ser unha ocupación. As vías deben ser outras, e a partir de mañá, sería convinte que comezara o momento da reflexión sobre a situación de Afganistán, sobre o sinsentido de continuar nunha misión da OTAN no vapuleado pais asiático.




