As verdadeiras intencións do Plan de Vivenda Protexida
Necesito falar do Plan Sectorial de Vivenda Protexida, debo referirme á necesidade dun Plan que tan só ten por obxectivo facer vivenda protexida, favorecer á cidadanía, facilitar o acceso á vivenda nun contexto económico francamente crítico. Son moitos os concellos que reclaman a realización deste tipo de casas. Sen ir máis lonxe, na área metropolitana de A Coruña existe unha forte demanda por parte de varios concellos porque saben das bondades deste tipo de vivendas.
Inexplicabelmente hai excepcións. Cousa verdadeiramente difícil de entender pero sucede. Caso de Arteixo. A súa alcaldesa revolveuse contra o Plan Sectorial de Vivenda Protexida que contemplaba a realización de 2.800 vivendas protexidas por un investimento de 91 millóns de euros, entre outras dotacións como escolas infantís e centros de día. Porén, isto parece un problema, unha carga para a mandataria deste concello. Así que haberá que rebaixar a preocupación, e dicerlle á alcaldesa que deixe de angustiarse, non se construirá ningunha destas vivendas que tanto lle parecen molestar.
Hai cousas que é o momento de parar porque non caben campañas gratuitas de continuo desprestixio sen fundamento. As actuacións a levar a cabo no marco deste Plan se ían desenvolver sen demoler ningunha casa e, por suposto, ninguén ía ficar sen compensar debidamente segundo os parámetros marcados pola lei. Pero dado que a rexidora de Arteixo considera que a realización de vivendas protexidas é un atropelo, haberá que tomar unha decisión en aras ao seu descanso, non se fará ningunha vivenda alí. Non pasa nada, poderánse atender as demandas doutros concellos. Iso si, o papelón para a rexidora municipal será de órdago pois non creo que vaia ser doado dar explicacións fundamentadas aos veciños sobre as razóns polas que ficarán sen 2.800 vivendas protexidas, ademáis da conseguinte creación de empregos que tal volumen de casas ía xerar. Non son tempos para rexeitar planos dete calado.
Así que cada pao aguante a súa vela e asuma as súas responsabilidades.




