|
12
Set 2008 |
O camiño cara os Orzamentos 09
Sempre é un pracer viaxar a Barcelona, son un fan da cidade a pesar do calmizo inserto no ar e que ás veces afogaba a respiración. É o de menos, con tal de voltar como dí a canción. Encantado e admirado asistín aos actos da Diada Nacional de Catalunya. Chegamos o martes á tardiña para meternos de cheo na festa organizada no Parc da Ciutadella onde tiven a oportunidade de saudar, falar e intercambiar todo tipo de elucubracións con dirixentes de CIU, con membros do Goberno tripartito e con coñecidos amigos nun ambiente festivo aliñado con música, cava e picoteo variado. Houbo tamén oportunidade de falar de cuestións políticas actuais, da próxima aterraxe dos Orzamentos Xerais do Estado para o 2009. Un momento para lle lembrar a Zapatero a súa soidade parlamentar, para lle recordar que pode ter sustento parlamentar e que non se pode actuar como se tivese maioría absoluta. Non creo que inmersos nunha crise económica relevante sexa unha boa mensaxe transmitir á cidadanía que o Goberno opta por prorrogar os Orzamentos do ano pasado. Pero existe a oportunidade, existe o futuro e a ubicuidade do diálogo, unha interlocución que sempre mantivemos e conservamos. Estamos dispostos a falar pero non a falar por falar, a falar da nada, senón a dialogar sobre a base duns compromisos que aseguren orzamentos axeitados para Galiza. Así que observemos os movementos nesa dirección. Polo de agora o Ministro de Economía e Vicepresidente Segundo do Goberno, Pedro Solbes, vaise reunir cos nosos parlamentares no Congreso para abordar a cuestión orzamentaria. A ver como evoluciona a cousa. |
|
6
Set 2008 |
O videoblog
Pensaredes que estou acostumado a iso dos “flashes”, ás fotos e a estar nas pantallas audiovisuais e que todo iso xa non me afecta, nen frío nen calor. Pero non é así. Aínda me sinto un pouco raro cando me vexo nun xornal, ou na tele ou cando me escoito logo nunha radio. Sempre pensas que poderías ter saído mellor, que se te puxeras tal cousa estarías cecáis mais favorecido, que vaia voz que teño hoxe,…Remexo e dou voltas co conto da imaxe, por iso ás veces non quero nin verme e menos escoitarme. É algo así como se me dera certa vergoña e procuro evitarme. Hoxe teréi esa sensación. Por qué? Porque na sede nacional van presentar o denominado videoblog de Quintana. Sona como se viñera do espazo, ou polo menos esa foi a miña primeira sensación cando me escoitei a definición. Son un teórico, creo moito en todo isto das novas tecnologías aínda que non son practicante puntual e escrupuloso. Conste que abro a porta a todo o que veña da mán das novas tecnoloxías, gosto de estar ao tanto da modernidade virtual, ainda que cada día se complica máis. Aprendín que a cousa do videoblog ten unha definición que supera mesmo á televisión convencional, está programado con software libre, evita o rollo porque o estilo será informal e a actualización vai ser case diaria. E agora vén o bón, permite a participación vosa con comentarios, envío de videos con mensaxes ou cuestións. Teredes o enlace para entrar na idea na mesma páxina web do BNG. Mirade a ver que vos parece e logo me contades. Por suposto que admito as críticas, mellor se son constructivas que así tomo nota. Xa veredes que aí dentro, na virtualidade, poderes ver un feixe de videos nos que aparezo en diversas situacións que teñen relación directa co que fago. Por aí está o spot realizado para presentar o videoblog, unha entradiña amena que dá idea de por onde van os tiros. |
|
3
Set 2008 |
Transformando Galiza
Transformando Galiza non é o estribillo dunha vella canción é a savia nova que aportamos nestes tres últimos anos de Goberno do BNG na Xunta. Non teño a pretensión de entrar na seriedade das frases feitas, e menos neste foro, pero coido que esta exposición é unha bonita e creativa forma de expresarnos. Así que se vedes o noso bus-exposión non dubidedes en entrar e mirar no que básicamente se resume en traballo polo pais. É a unha forma de comunicación, unha maneira gráfica de proxectar o realizado neste tempo. Agosto foi un mes inquedo aínda que nós nos deixamos guiar pola prudencia e a responsabilidade, evitando alentar a incómoda e sempre preocupante inestabilidade. Non tiña sentido azuzar a inestabilidade e erguer falsas expectativas de adianto eleitoral na Galiza pero foi un mes de especulacións continuas. Teño que dicer que estou especialmente satisfeito coa actitude do BNG. Tiña claro que non ía entrar en especulacións e menos en contextos como os actuais cunha crise económica da que se ocupar. Ademáis, non hai ningunha razón para plantexar un adianto das eleccións. Agora quedan moitos meses por diante para rematar a lexislatura e dar forma a todo o que fica por facer. Unha ardua tarefa para traballar polo acceso á vivenda, por mellorar a protección social á cidadanía, por impulsar o emprego, por dinamizar a economía, por revitalizar o rural. En fin, por continuar transformando o pais. |
|
31
Xul 2008 |
Desculpas de mal pagador
Queda claro que o Goberno se fai o “remolón” á hora de proceder a reformar o sistema de voto dos emigrantes para que voten en urna. A Vicepresidenta do Goberno levou a cabo onte toda unha demostración de retórica evasiva para sortear o que o Parlamento galego aprobou por unanimidade, sabédelo, a proposición de lei para que a Administración central modifique o voto dos residentes ausentes e o depositen nunha urna con todas as garantías. Acudiu ao Congreso en sesión extraordinaria por solicitude do BNG. Tratou de disipar o fundamental, o concreto con nome e apelidos, no maremágnum dunha reforma xeral da totalidade da lei eleitoral. Esa foi a entrada, utilizar o xeral para negar o concreto. O xeral para opacar o concretiño cando do que se trata é unicamente de modificar un aspeito puntual antes da seguinte convocatoria eleitoral que son as eleccións galegas. Moi simple, equiparar o sistema de voto dos residentes ausentes co que rexe para os habitantes do Estado, votar en urna para asegurar a limpeza do sistema. Mírese por onde se mire, houbo moitas desculpas de mal pagador. Desde logo, unha cousa quedou clara, o Goberno non vai presentar un proxecto de lei en setembro para levar a efecto esta reforma. Iso si, na traca final a Vicepresidenta intentou quedar como unha raíña coa afirmación da disposición do Goberno a aceptar e asumir o que os grupos parlamentares decidan, sexa a fórmula que sexa. Haberá que tomar nota diso. |
|
17
Xul 2008 |
Sinuosas balanzas fiscais
Houbo moito movemento declaratorio co tema das balanzas fiscais feitas públicas polo Goberno nesta semana. Confeso que non gostéi do enfoque e desde logo, menos gostéi do método que se segue para concluir ditas balanzas fiscais. Foi penoso ver o titular que a Administración central pretendeu e logrou. Resulta que Galiza é un pais subsidiado, probe e dependente da caridade do Estado. Nada máis lonxe da realidade. Non é certa a idea que se tenta trasladar de que os galegos pagamos poucos impostos e que a cambio recibimos moito de papá Estado. A posta en escena das balanzas fiscais adoece de moita falsedade e oculta dados de relevancia. Exemplos? Ben, aí van os exemplos. Está claro que unhas balanzas fiscais feitas da maneira en que están feitas non poden ser un referente, non son ouro de lei. Teñen moito de tendenciosas e non expresan a realidade da situación fiscal porque omiten factores que deberían estar moi presentes. A outra da semana é a necesaria reforma do voto dos residentes ausentes. A Vicepresidenta do Goberno comparecerá por este tema a finais deste mes e pola vía da urxencia porque o BNG se encargou de levar tal solicitude a unha Deputación Permanente do Congreso. O noso propósito é que o Goberno presente na primeira quincena de setembro un proxecto de lei para reformar a LOREG de xeito que os emigrantes voten en urna, nas mesmas condicións que os demáis, e que o fagan xa para as Eleccións Galegas do 2009. De aí a premura. Como vexo a sintomatoloxía do Goberno sobre este tema, quero advertir que non valen as manobras de distracción, non vale argumentar coa creación de subcomisións de estudo de reforma da lei eleitoral porque estamos a falar dunha cuestión moi puntual que xa ten o consenso de todos. Que miren para a proposición de lei aprobada unánimemente no Parlamento galego, ou co feito de que todos os grupos do Congreso votaran o outro día a favor da petición do BNG para que Teresa Fernández de la Vega acuda á sede parlamentar a abordar a modificación do voto emigrante. |
|
10
Xul 2008 |
A unidade é o as na manga
Seguro que estades ao tanto do que acontece no Parlamento galego para sacar adiante un acordo das tres forzas políticas en relación ao “nunca mencionado” AVE. É unha ironía porque son consciente de que leva días na axenda comunicativa e pode resultar incluso un pouco cargante, pero a cousa ten a suficiente entidade e relevancia como para que lle adiquemos o tempo que for preciso. Polo menos o BNG, téno claro. Para mín ter o as na manga significa lograr a unidade das forzas políticas galegas en aras aos intereses do pais. Con iso gañamos a partida. Téñoo claro. Trátase de exhibir no Estado unha posición de pais, unha forza común co obxectivo de conseguir que se salde dunha vez a débeda que o Estado ten contraído con Galiza en materia de infraestruturas, no tren de altas prestacións. Se traballamos conxuntamente será máis doado e máis factíbel avanzar no cometido. A falla de consensos neste tipo de metas, prexudícanos claramente. Senón, mirade para atrás, acaso non foi un duro revés para Galiza ser dos poucos territorios do Estado que na anterior lexislatura non presentaron un novo Estatuto no Congreso dos Deputados? Non é evidente que saimos perdendo? No BNG nunca fomos amigos dos vetos, por definición estamos en contra dos vetos, non vai con nós esa vía. Lembro que na pasada e frustrada intentona para negociar un novo Estatuto para Galiza, renegamos do veto que o PP interpuxo ao novo texto estatutario. Tampouco gostamos agora do veto que algúns tentan pór a unha posición común para un seguimento axeitado e un control necesario das obras do AVE. Non vai con nós esa actitude ante temas de trascendencia que están por riba de intereses partidistas. Non nos atoparedes entre os que defenden con ardor Pactos de Estado en Madrid e despois concentran as súas forzas en torpedear os Pactos de Pais na Galiza. Non creo que sexa moito peder que se esquezan os intereses partidistas, que se deixen de lado as cuestións própias e se pense en clave de pais. A unidade de acción en cuestións que nos afectan a todos os galegos como é o asunto AVE ou como é o Estatuto debería primar sobre outro tipo de posicións. |
|
2
Xul 2008 |
En aras ao acordo no Parlamento galego
Hai xa uns días que solicitéi á Ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, que proceda a convocar a Comisión Bilateral de Cooperación para cumprir co aprobado no Congreso a semana pasada: a creación dunha Subcomisión de seguimento das infraestruturas estatais na Galiza. Si, para, entre outras obras, controlar o ritmo de execución do tren de alta velocidade, ese que tantas paixóns ergue. A urxencia en constituir este órgao de seguimento non é unha teima miña, vén dada pola realidade. Estamos no prólogo da elaboración dos Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro 2009, e o Goberno xa está escribindo os primeiros trazos das contas do Estado. Temos que estar preparados para respostar con axilidade e propór melloras ou incrementos orzamentarios alí onde se comproben deficiencias. O órgao de seguimento do AVE ten ese cometido, esa é a razón da premura e das presas. Por iso non é baladí o acordo unánime do Parlamento galego sobre o AVE, non é secundaria a unidade das tres forzas políticas na Cámara galega para que refrenden o acordado no Congreso e para transmitir unha mensaxe clara a Madrid: esta é unha posición de pais, non é unha postura partidaria. É moi importante que haxa unanimidade á hora de ratificar o acordo aprobado no Parlamento do Estado. Por iso expresei públicamente hoxe a miña renuncia a presidir a delegación galega na Subcomisión de seguimento das infraestruturas galegas, e proporéi á Conselleira de Política Territorial para exercer esta responsabilidade. É unha vía en aras ao acordo e para propiciar a posición unánime no Parlamento galego. Coido que temos o mesmo punto de partida, o AVE ten que chegar nos prazos establecidos. O escollo está na cuestión da Subcomisión de seguimento, de ahí a miña renuncia a presidila. A partir de agora xa non existen os obstáculos para a unidade de acción. Así que é a hora da calma, de actuar con sentidiño e abandoar as liortas estéris para lograr o obxectivo marcado. Desde logo o primeiriño a despexar é a cuestión dos prazos. Zapatero ten que ratificar as datas de 2012 e 2013 para o Eixo Atlántico e a conexión coa meseta, ou falar con valentía e desvelar con sinceridade os horizontes temporais posíbeis e reais. |
|
27
Xuñ 2008 |
O AVE e outras consideracións
Aínda que o meu corazonciño pertence á selección galega de fútbol, non podo pasar por alto o triunfo de onte da selección española contra a selección rusa. Parabéns logo porque houbo un bón partido. Tras este breve inciso, vou directo ao tema que recollían todos os medios de comunicación, e non podía ser menos dada a relevancia do aprobado no Congreso. Refírome aos acordos acadados na Cámara Baixa entre o BNG e o PP en relación ao tan traído e levado AVE galego. Ben polos acordos logrados para que se cumpran os prazos tanto do Eixo Atlántico como da conexión coa Meseta. Esa concreción é necesaria despois das últimas indefinicións e o pouco grao de implicación da Ministra de Fomento. O PSOE decidiu ficar fóra do acordo porque así o quixo, ninguén o excluiu porque as negociacións para chegar a esta meta foron entre as tres forzas políticas pero a última hora os socialistas se descolgaron pola negativa de Fomento. Cometeron un grande erro votando en contra das dúas resolucións aprobadas no Congreso porque foi unha oportunidade excelente de refrendar un compromiso con Galiza, un compromiso co pais. É de lamentar que o PP estea desposto a chegar a acordos e que o PSOE se negue. Non hai que perder o norte neste tipo de situacións porque o que saíu de aí foi un acordo positivo para os intereses de Galiza, e nós, o BNG, sempre estamos en disposición de lograr acordos que redunden en beneficio do pais. A nosa vontade de diálogo non ten límites se do que se trata é de defender os intereses de Galiza, nese lado estaremos sempre e coa orella posta para que non se nos escape nada. Como telón de fondo de todo isto, planea o feito de que o vivido no Congreso o outro día debe ser un baño de realismo para o Presidente do Goberno español. Ten que valer para que cambie de actitude porque está claro que se situou no mundo da inopia e no mundo da ilusión pensando que pode gobernar como se contase con maioría absoluta cando a realidade é outra. Desde logo, unha cousa debe ficar moi clara. Galiza non pode ser a pagana da crise económica, non cabe sacrificar as nosas actuacións en infraestruturas de altas prestacións ferroviarias porque as cousas vaian mal na economía. Esa mensaxe debe ser recepcionada polo Goberno porque os recursos deben ser os necesarios para rematar as obras en tempo e forma. O éxito destes acordos non deben ficar empañados por discusións estéris. Hai que tomar nota e a partir de agora arrimar o ombro para que se efectivice o aprobado no Parlamento do Estado. Esa é a razón pola que lle transmitín á Ministra de Administracións Públicas que convoque a Comisión Bilateral Xunta-Estado o vindeiro e próximo mes de xullo co obxectivo de conformar o órgao de seguimento das obras do AVE. |
|
18
Xuñ 2008 |
Máis vivendas protexidas
Cando anuncias algo simplemente avanzas o que vas facer pero cando presentas un plan quer dicer que xa existe, que ten forma e propósito de realidade. Digo isto porque esta mañá participei con Teresa Táboas na presentación do Plan Sectorial de Solo Residencial para Vivenda Protexida. Explicamos en que consiste e cal é a súa meta. Existe, claro que si, e ten forma ben definida, non é un ente en abstracto. Aí van algúns dados que reflexan as dimensións do plan nomeado. Hai cifras, hainas. Xa séi que neste ámbito todo o mundo quer saber cantas vivendas van saír de aí. Prevése a construción de 45.000 novas vivendas de protección pública nun periodo de dez anos. 30.500 de aquí ao 2012 e 14.600 no periodo que vai de 2013 a 2017. O importe ascende a 5.200 millóns de euros e suporá a creación de 300.000 empregos. Estes son os feitos que podemos ofrecer para superar a desaceleración económica, especialmente no sector da construción. Na práctica, o plan terá especial énfase nas áreas de gran demanda e onde non se atopan solos disponíbeis para a construción deste tipo de casas. Máis dados que sei ben que son a cara visíbel de todo proxecto. O Plan Sectorial vai cubrir un total de 8,7 millóns de metros cadrados de solo, e suporá o 20% das necesidades estimadas de vivenda protexida na Galiza. Non quero pecar de optimista pero este Plan é unha boa nova. Súmase a outras decisións marcadas pola credibilidade que o BNG adoptou en materia de vivenda. Todos insuflados do mesmo espíritu que é a intervención pública nun ámbito moi precisado da mán administrativa. Ademáis é pioneiro no Estado, así que tamén innovamos. |
|
12
Xuñ 2008 |
As solucións canto antes
É difícil non falar doutra cousa que non sexa a folga dos transportistas destes días e as repercusións conseguintes. Como se dí en linguaxe comunicativa está na axenda setting. Faléi onte nunha entrevista en Radio Nacional deste tema co fondo musical dunha canción do meu venerado Leonard Cohen. Oes, foi unha aportación propia ao programa radiofónico. Vou tratar de ser serio e obxectivo e comezaréi por dicer que a impresionante suba dos prezos dos combustíbeis é un problema que sobrepasa ao propio Estado español, ten unha proxeción internacional. Diso hai que partir, é un feito. Mais non se pode negar que o Goberno español non teña nada que facer. Ten unha marxe de manobra, ten un ámbito competencial dentro do cal pode actuar. Algo que nós non temos. Precisamente, en momentos como o actual, estaría moi ben que Galiza puidera contar con competencias na materia para poder actuar con maior énfase neste crise e aportar solucións e alternativas. Pero a realidade é outra moi distinta. Apelo á responsabilidade duns e doutros para resolver o conflito de maneira positiva. |




