7
Mai
2008
Relación Xunta-Estado

Onte tivemos un encontro coa Ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado. A ese encontro levéi a proposta de modificar a Comisión Bilateral Xunta-Estado para semellala ao formato que xa teñen outros territorios. Trátase de ter un instrumento de relación co Goberno central na mesma liña que teñen xa outros Gobernos autonómicos.

É normal que a Ministra o mire con distancia, non é de estranar, é a lóxica e tradicional actitude do Goberno central que sempre quer manter as súas competencias. Pero mira, non estamos cansos de escoitar o non da Administración do Estado á transferencia de tráfico a Galiza?, e sen ir mái lonxe, onte mesmo, a Ministra falou da iniciativa unánime do Parlamento galego como algo normal que logo deberá ser debatida no Congreso dos Deputados. Mirouna con respecto. Isto débese á insistencia do Goberno galego e á unidade de todos os grupos parlamentares do pais.

Esa mesma unidade é a que gostaría para respaldar a proposta de modificación do regulamento da Comisión Bilateral Xunta-Estado da que vos estou a falar. Mañá trasladaréi ás forzas parlamentares galegas a proposta para que a coñezan e presenten as súas aportacións. Non sería necesario pero gosto da política do consenso cando estamos a falar de aprofundar no noso autogoberno ou de definir as relacións co Estado.

Para min non hai incompatibilidade entre o desexo de que Galiza conte cunha auténtica relación bilateral co Estado, igual que o que ten agora Catalunya, e a mellora do noso autogoberno en atención á axenda marcada, o traspaso efectivo das competencias comprometidas no seu día con Zapatero. Unha cousa non quita a outra. E desde logo, debemos manter o nivel de esixencia e de reivindicación democrática. Na medida en que pidamos autogoberno, termos autogoberno, pero se agardamos a que o Goberno central nos agasalle con autogoberno imos listos porque non haberá regalos dese estilo.

3
Mai
2008
A situación do sector leiteiro galego

Moitas persoas preguntáronme esta semana pola miña opinión a respecto das mobilizacións protagonizadas nos últimos días polos sindicatos agrarios. Inquerían algúns: qué lle pasa ao sector? Outras lembraban a boa situación relativa do 2007 e preguntaban como se tiña chegado á situación actual. E moitos outros chamaban a miña atención sobre o oportunismo dalgún sindicato agrario de ámbito estatal.

O sector lácteo é un sector estratéxico na Galiza, pois contamos co 50% dos produtores de todo o Estado e co 40% do total da produción en orixe. Xa que logo, para unha acaída diagnose do mesmo hai que ter en conta factores estruturais xunto con outros propios do momento actual, é dicir, específicamente conxunturais.

Desde que o BNG xestiona a Consellaría do Medio Rural, no verán do 2005, temos traballado arreo pola viabilidade do sector lácteo e, en xeral, dos sectores económicos vinculados ao medio rural. Cando chegamos, o prezo do leite en orixe atopábase a níveis bastante máis baixos ca os actuais e na Galiza pagábase máis dun céntimo por litro menos ca no resto do Estado. A Xunta non cumpría coa súa función de mediación entre os produtores e a industria láctea. Non existía a necesaria e mínima transparencia nas relacións entre uns e outros. O abandono de explotacións leiteiras era constante.

En todo este tempo melloraron bastantes cousas. Fomos quén de propiciar o diálogo no sector, institucionalizando unha Mesa do Leite que se ten reunido de xeito periódico. Xeralizouse o uso da factura homologada, que permite unificar os conceptos polos que as industrias lles pagan aos produtores. Durante o 2007 pagouse o leite en orixe un pouco máis ca no resto do Estado, acadándose máximos históricos no seu prezo. Por outra banda, Galiza foi o único territorio estatal onde medrou a produción (40.000 tms.), o que amosou unha clara vocación de permanencia no sector leiteiro galego, en comparanza co resto do Estado, onde a produción baixou 167.000 tms.

Qué está, pois, a pasar agora? Pois un feixe de cousas. De primeiras diminuíu certamente a remuneración do leite na orixe desde os máximos históricos do 2007. Incrementáronse os custos de produción, pola suba (común en todo o mundo occidental) do prezo do gasóleo e da alimentación animal. E sofrimos as resultas dunha desacertada decisión da Unión Europea (apoiada polo Goberno español) coa suba lineal do 2% da cota leiteira en todo o territorio do Estado, cando a Galiza é o único país no mesmo que ten demanda de nova cota.

Sabedes que, sendo moi novo, exercín unha intensa actividade sindical, contribuindo á fundación das Comisións Labregas, primeiro sindicato agrario que houbo neste País. Permitirédesme, pois, a licenza de dicir que de activismo sindical algo sei. E dende esta experiencia non dou entendido que, sendo esta problemática común a todo o Estado e á Europa toda, determinado sindicato estatal escolla Galiza como único escenario de axitación, deixando fóra conscientemente da mesma a outros territorios e mesmo ao Goberno central que tanto ten de protagonismo nesta conxuntura.

En calquera caso, a preocupación dos gandeiros é de todo comprensíbel, sen que isto xustifique determinados métodos empregados por unha minoría e incompátibeis coa reivindicación democrática. Por iso, a Consellaría do compañeiro Suárez Canal asume a busca de solucións a curto e medio prazo, malia ser un problema que excede tanto ás competencias como ao ámbito territorial da Galiza. Deste xeito, a Consellaría proporá nos próximos días a produtores e industrias un feixe de medidas estruturais e de actuacións conxunturais que permita unha resposta unitaria do nível produtivo, do nível transformador e da Administración autonómica. Unha destas medidas sería a adopción consensuada dun modelo de contrato homologado na Mesa do Leite que permitira referenciar o prezo do leite na orixe cos custos de produción, de xeito que os produtores, en determinadas circunstancias, puidesen transladar, mesmo de xeito parcial, a suba dos seus custos no prezo do produto.

-Mira, Quintana, e que hai do grupo lácteo galego?
-Pois que a Consellaría segue a traballar para que a nosa potencia produtiva se convirta en potencia transformadora. É un proceso complexo e cómpre xuntar un grande número de pezas para que vaia adiante. Traballamos continua e seriamente neste obxectivo.

P.D.: O meu recoñecemento para todos os galegos e galegas que seguides a confiar nas potencialidades das producións primarias vinculadas ao medio rural. Merecedes todos os esforzos que este e cen Gobernos poidamos facer para facer valer o noso dereito a producir e o voso dereito a gozar dunha renda e calidade de vida semellante ás dos galegos e galegas que viven no medio urbano. A recente incorporación de milleiros de persoas ao medio rural galego demostra que o voso esforzo non está a ser de balde. E que temos de teimar no obxectivo de dignificar o rural. De certo que o recentemente aprobado Plan de Dinamización do Medio Rural suporá un pulo fundamental a estas políticas.

30
Abr
2008
Benvidos mariñeiros

  Alégrome moito da vosa volta a casa, mariñeiros e tripulantes do “Playa de Bakio”. É unha espléndida noticia nesta víspera de celebración do 1 de Maio, Día Internacional dos Traballadores. Benvidos, e agora toca descansar, desfrutar e estar coas vosas familias e amigos para esquecer na medida do posíbel o mal trago que pasástedes. Esperemos que non se repitan estas situacións de secuestros de pesqueiros e agardemos que a UE non mire para outro lado como adoita facer. Os nosos barcos pesqueiros e os nosos mariñeiros teñen dereito a desenvolver o seu traballo en condicións de seguridade cando faenan en augas internacionais. Esa seguridade hai que proporcionarlla. Así que o Estado español terá que traballar nesa liña no seno da UE.  Hoxe mesmo presentamos en Compostela, Rubén Cela e máis eu, a terceira edición do certame GZCREA 2008. Preguntaredes que é iso. Trátase dunha iniciativa da Direción Xeral de Xuventude da Vicepresidencia, que en colaboración coas Consellarías de Industria e Cultura, pretende asentala como unha canle para dar a coñecer a novos talentos do pais. É unha plataforma de lanzamento para os novos creadores galegos. É un luminoso para os nosos mozos creadores, unha oportunidade de se promocionar. Contamos cunha ampla canteira de espléndidos artistas aínda por descubrir. Así que a intención é que saian do escondite e se fagan ver para que poidamos contemplar as súas creacións no mundo artístico. O certame está aberto até o vindeiro 30 de xuño así que comezade a enviar as vosas creacións de teatro, artes plásticas, deseño de xoias, videoclips, e outras tantas. Mirarémolas con gosto.   

26
Abr
2008
Financiarmos o autogoberno

Onte, venres, repasaba eu as miñas notas mentras tomaba un cafeíño rápido e agardaba polo Conselleiro Suárez Canal para a presentación pública do Plan de Dinamización do Medio Rural. Nesas, achegáronse á miña mesa dúas rapazas novas. Reproduzo a conversa:

 - Ola, Anxo, desculpa un momentiño… Somos estudantes do último curso de Económicas e estamos a facer un traballo sobre as balanzas fiscais e o financiamento autonómico. No BNG, estades a favor de que se publiquen as balanzas fiscais? -   As balanzas fiscais hai que facelas ben. Nesta materia do financiamento cómpre estudar moi ben os números e botar as contas ao dereito. -   Pero, qué lle convén a Galiza? Financiámonos co que aquí se recada ou precisamos a solidariedade doutras zonas máis desenvolvidas? -   Mirade, o autogoberno significa autoresponsabilidade. Para nos autogobernar temos que contar cun financiamento suficiente e, de poder ser, o máis automático posíbel, que non faga depender a calidade dos nosos servizos nin o desenvolvemento das nosas políticas da decisión  anual do Goberno central de subir ou baixar unha suposta cota de solidariedade. -  Xa, iso todo esta moi ben. Pero nos xornais, ás veces, saen informacións dicindo que temos que nos xuntar con Asturias, Castela e León ou Extremadura para impedir que os cataláns ou valencianos impoñan o modelo de financiamento que lles convén. -  Pois no BNG cremos que esa non sería unha boa estrategia porque Galiza non é pobre. Claro, non temos o grao de desenvolvemento da economía catalá e, por tanto, non temos ese exceso de recadación a respecto do custo dos nosos servizos. Mais tampouco é certo que recibamos moito máis do que recadamos. Estamos nun chanzo intermedio, porque o que recadan a Xunta e o Estado por tributación e o que invisten en cadanseus Orzamentos son magnitudes parellas. -  Si, xa sabemos iso. Pero mira, hai moitos galegos cobrando pensión… -          Cobran porque cotizaron aquí, en Suiza ou en Bilbao. A Seguridade Social baséase na caixa única e na cotización persoal. Aquí non pinta nada a solidariedade interterritorial, porque o da pensión é un asunto entre a caixa única e a persoa. Non se pode misturar o asunto do financiamento co da Seguridade Social. -          Entón, Anxo, se o choio é así e nos cederan a recadación do Imposto de Sociedades das empresas que producen aquí e cotizan en Madrid, teríamos cartos dabondo para financiar a autonomía. -          Segundo as nosas contas xa os teríamos agora. Pero é evidente que se o Imposto de Sociedades fose xusto, empresas como CITROEN ou UNIÓN-FENOSA haberían pagar aquí pola renda que gañan porque é aquí onde producen. Iso inxectaría un adicional de cartos moi importante e nos situaría, case definitivamente, no grupo das nacións e territorios que recadan o que precisan gastar de xeito claramente suficiente. -          Pero precisamos da solidariedade dos máis desenvolvidos para que nos paguen a débeda histórica… -          Non, a débeda histórica ou, o que é o mesmo, o pagamento do déficit estrutural que temos é unha cuestión de xustiza e non de solidariedade. Porque este déficit ou débeda xerouse pola falla de investimentos do Goberno central durante unha longa tempada da nosa historia. Por iso o BNG obtivo na lexislatura estatal pasada que os Orzamentos xerais do Estado invistan un 8% dos seus programas de infraestruturas na Galiza, a pesares de sermos só o 6% en termos poboacionais. Pero cómpre que se manteña esta porcentaxe durante uns dez ou doce anos para liquidarmos esta débeda. -          E despois de que nos paguen a débeda, financiarémonos nós sós? -          Despois de que nos paguen a débeda, a nosa economía atoparáse dotada dun capital social básico que nos vai permitir financiarmos o autogoberno cunha marxe suficiente. E exerceremos a autonomía como adultos. Sabedes que cando nos toca marchar da casa temos que botar contas, aforrar nunhas cousas e renunciar a outras. Pero non se pode medrar como persoas se non somos autónomos. Pois aos países pásalles o mesmo… -          Temos que marchar, Anxo. Enviarémosche por email o noso traballo… -          Adeus, moita sorte co traballo e nos exames…       Ao marcharen as estudantes aínda tiven un minutiño para seguer a teimar neste tema. Tantas apelacións á solidariedade, non agocharán unha falta de definición que só beneficia ao Goberno central? Por qué aínda hai galegos que pensan que somos e seremos uns pobriños? E que non estamos todos dacordo en gobernarmos a nosa vida?       Pero en calquera caso, vivimos tempos de crise e tamén de muda no modelo de financiamento autonómico. No novo modelo algúns queren priorizar a poboación ou o número de inmigrantes. E nós queremos que se teña en conta o avellentamento e o espallamento da nosa poboación (temos máis da metade dos núcleos urbanos do Estado). Tamén queremos que se avalíen outras variábeis que teñen que ver co noso esforzo medioambiental.        Teño para mín que a defensa destas variábeis no novo modelo de financiamento só é posíbel desde a negociación bilateral co Estado. De igual a igual, coma Catalunya ou Euskadi. Velaí porque o mércores no Parlamento propuxen o acordo conxunto das tres forzas políticas para reformar a Comisión de Cooperación Xunta-Goberno central e convertela nunha auténtica Comisión Bilateral onde discutamos os investimentos estatais, a súa execución, a liquidación da débeda histórica ou o peso que estas variábeis teñan no noso financiamento futuro.         Porque a batalla do financiamento non a imos gañar facendo alianzas inestábeis  e sempre á contra con territorios que non se asemellan para nada á nosa situación e circunstancias. Gañarémola só desde o diálogo e a negociación bilateral co Estado. En clave de país, dando e esixindo respecto institucional. Como adoitan facer as Nacións.          P.D.: Esta semana convídovos a que botedes unha ollada ó traballo que está a facer o meu compañeiro Alfredo Suárez Canal na Consellaría do Medio Rural. Despois de iniciativas transformadoras como a do Banco de Terras, a Mesa do leite ou as unidades de xestión forestal, tiven a honra de presentar con él onte o Plan de Dinamizacióin do Medio Rural. 212 millóns de euros para desenvolver un dos eixos centrais da política do BNG na Xunta contra a crise económica. Que vai permitir que o medio rural, no canto de ser o lugar onde se instale a crise, poida converterse nun espazo xerador de actividade económica e emprego. O traballo serio, o estudo rigoroso e o diálogo coa sociedade definen a boa xestión e a boa política. Grazas, pois, Alfredo.                                    

23
Abr
2008
Polémicas irreais

  Xa vexo nas informacións do día que o Sant Jordi non pasa desapercibido. Fotos por todas partes dunhas Ramblas abarrotadas de persoas engalanadas cun libro e cunha rosa. Oes, é unha tradición fermosa, mais o que resulta curioso é como conseguíu trascender o ámbito meramente catalán para contaxiar a idea máis alá de Catalunya. Como o polen espallouse polo mundo adiante, tarefa á que contribui en grande medida o eco mediático que esta tradición ten. Mais nós temos o noso Día das Letras, a nosa xornada adicada aos libros en galego, a nosa homenaxe á literatura galega. O día oportuno para agasallar a quen queiramos cun libro procedente das nosas letras. Iso si, non temos a fortuna de gozar da mesma difusión mediática máis alá das fronteiras de Galiza.

En fin, que o de mercar un libro o deixo para o 17 de Maio próximo.

 

Estiven o luns pasado en Vigo e xunto co alcalde vigués, presentamos os 4 proxectos xa en marcha incluidos no protocolo asinado entre o concello e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en novembro de 2006 para efectivizar distintos servizos sociais. O comprometido é débeda e como tal, faise realidade.

Na estimada cidade olívica, presentamos o Centro de Día do barrio de Teis que xa está en funcionamento, o Centro de Día que se vai emprender no barrio de Coia, a galescola do barrio do Calvario e a de Valadares. Afórrovos a retórica sobre o investimento e demáis que non están as tardes para liarse en profundidades. Vou directamente ao grao, pasando por alto polémicas absurdas, para dicervos que non hai tal controversia, non existe tal conflito entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e os concellos. O lío que se pretende traslucir é ficticio, pertence ao ámbito do irreal porque na vida real resulta que o que está en movemento é unha relación fluida, de colaboración, de cooperación e de intercambio entre moitísimos concellos e a Vicepresidencia da Xunta para a posta en marcha dos servizos de benestar e de igualdade que a cidadanía precisa. O demáis non é máis que unha controversia das direcións dos partidos, nada que teña entidade real. Gañas de axitar e confundir. Tamén digo sen ánimo de ser pesado, que aquí estamos para traballar en beneficio da cidadanía e por iso o facemos desde a colaboración institucional, concellos e Vicepresidencia traballando cóbado a cóbado.  E todos contentos, nós en Vicepresidencia polos compromisos cumpridos e os concellos porque incrementan os seus servizos sociais en bén dos seus habitantes. Esa é, nen máis nen menos que a definición exacta do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a unión dos concellos e a Xunta.

19
Abr
2008
Ninguén dixo que o cambio ía ser fácil

Vai para tres anos en xuño do 2005 que o BNG se presentou ás elecións galegas cun programa de cambio transformador e galego. Cambio transformador, que non revolucionario, nin tampouco meramente cosmético. E cambio galego, porque encaraba a trasnformación do País desde a reivindicación da súa identidade, dos seus valores e do seu autogoberno, e non desde a importación de esquemas e valores alleos. Creo que, nestes case tres anos de goberno, o BNG pode presentar diante da sociedade algúns acaídos exemplos de cambios trasformadores e galegos. Velaí o Sistema Galego de Benestar promovido pola Vicepresidencia da Xunta, o Banco de Terras promovido pola Consellaría do Medio Rural, o regulamento para o aproveitamento da enerxía eólica, a promoción e creación das selecións deportivas nacionais ou as políticas de vivenda e de promoción de solo industrial que estamos a desenvolver.

 

Mais nunca ninguén dixo que o cambio ía ser fácil. Nunca pensamos que transformar este País había ser doado. Porque transformar sempre supón vencer estruturas sociais afeitas aos vellos sistemas e ás vellas políticas. E que, por definición e propia supervivencia, rexeitan o cambio. Por iso tentamos facer o cambio con diálogo, procurando os consensos. Mais tamén por iso non podemos dobrar cando aparecen os primeiros problemas. Non podemos renunciar á transformación galega á que nos comprometemos coa cidadanía simplesmente porque non sexa fácil.

 

Esta semana vivimos dous exemplos destas resistencias estruturais ao cambio. O primeiro coa oposición dalgúns colectivos ás Normas do Habitat aprobadas no Nadal e que rexen desde antonte. E, a pesares destas resistencias, as Normas xa están vixentes, mália que exista unha certa marxe para aplicalas con flexibilidade en certos casos concretos. E están vixentes porque o BNG e a súa Conselleira de Vivenda teñen a obriga de promover a vivenda de calidade. Nomeadamente dirixida ás persoas con menos recursos, que teñen pagado tantas veces tan caras vivendas de calidade mediocre, cando non ruin.

 

O segundo exemplo témolo nas resistencias dalgúns alcaldes á implantación do Sistema Galego de Benestar. Porque por vez primeira Galiza conta cun sistema de seu, que artella todo un conxunto de centros, medios e servizos. Un sistema no que se ubica o Consorcio Galego xestor de moitos destes servizos, que integra á Xunta e a máis dos 2/3 dos concellos galegos, que decidiron, autónomamente, unirse a este Consorcio, asumindo os seus Estatutos. Un Consorcio que garante o financiamento local estábel destes servizos para evitar que os alcaldes estean a peder seguido na Xunta e para evitar que o financiamento destes servizos dependa da relación política e persoal co Alcalde que toque, como pasaba co PP na Xunta anterior. O Consorcio tenta achegarse á cidadanía abrindo 16 oficinas de Igualdade e Benestar para estar ao pé dos veciños. Pero semella que algúns alcaldes non están dacordo.

 

 A verdade é que non entendo moi ben a estes alcaldes. Porque aos concellos lles interesa todo o que sexa prover de atención e financiamento estábel aos servizos sociais. E máis cando se abren oficinas de atención a pé de comarca, que aforran a viaxe a Compostela, a Vigo ou a Ourense. Mirade, eu mesmo fun alcalde dez anos. E a xente preguntábame por cantas vivendas ía rehabilitar, cantos metros de beirarrúas ou sumidoiros ía construir, cantos parques e paseos fluviais e cais eran as dimensións do que tiña proxectado. Dígovolo de verdade, nunca en todos eses anos preguntaron polos quilómetros de autonomía local que ía construir.   

 

Creo que os responsábeis políticos temos que dedicar o noso tempo e os nosos esforzos a resolverlle os problemas de vivenda, de educación infantil, de dependencia á xente e non a rifar entre nós por cousas que só lles interesan a determinados políticos que unicamente pensan en termos de regate curto e cálculos interesados. Eu e o BNG, non imos gastar un minuto nestas rifas e pelexas estérís. Porque hai moito por facer e a xente agarda moito de nós.

 

O proxecto nacionalista quer construir un País máis forte e máis noso no que, ademáis, os veciños e veciñas vivan mellor, acaden máis benestar. Fortaleza, pois,  para a Nación, e máis benestar para a cidadanía da Nación. A xente agardou moito por este cambio e o nacionalismo galego non lle vai fallar.

 

Continuaremos, pois, a traballar polo cambio transformador e galego que estamos a construir. Con diálogo e percurando consensos. Con moderación, pero con decisión. Con serenidade e paciencia, pero con vontade. E, sobre todo, seguiremos a traballar sen dobreces e dicindo o mesmo en odos os lugares e institucións.

    

 P.S.: O meu recoñecemento para a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas. Pola súa convición en priorizar o dereito de todos, especialmente das persoas con menos recursos, a unha vivenda digna. E por tentar garantir este dereito nas Normas do Habitat e na futura Lei de Vivenda que estamos a impulsar. Teresa Táboas puxo o interese xeral sobre os particulares dunha minoría, con máis motivo en tempos de crise económica. E demostrou que paga a pena ter fé na política.

 

16
Abr
2008
Vivendas con calidade

Boas, que tal andades? Intúo que estades activos polo que vexo nos correos electrónicos que me enviades. Falamos pouco diso pero con algúns de vós xa teño incluso unha correspondencia habitual, como as dos tempos de antes cando a xente se carteaba tanto. Eran bonitas esas relacións epistolais, longas cartas en papeis cuidadosamente escollidos, adornadas para a ocasión e ás veces perfumadas. Iso pertence ao pasado, agora nos carteamos por Internet e cunha linguaxe incluso abreviada. Antes sobraban as verbas e agora faltan palabras. Curiosa evolución. O tempo antes era infinito, pausado, calmado e na actualidade é breve, acotado, inmediato e caduca aos segundos. Todo corre e nós tamén. Sería bón recuperar algo da calma doutros tempos.  Xa séi, seguro que moitos de vós comentaredes o revoó de declaracións en torno ás Normas do Hábitat. Díxeno o sábado e volvo á carga. Os cidadáns galegos están fartos de pagar cantidades astronómicas por vivendas con baixa calidade de habitabilidade. De aí a iniciativa da Consellaría de Vivenda á hora de pór en marcha as Normas do Hábitat Galego que o único que perseguen é que as vivendas teñan uns mínimos de calidade: un baño no que poidas entrar sen esforzos (en vez dun mínimo de dous metros teñan cinco), uns corredores amplos, que haxa uns mínimos de luz e de aireación, patios de luces con espazo. Isto é o que procura este decreto, nen máis nen menos que pisos de calidade óptima. Desde logo, diálogo con todos para que a aplicación destas normas sexa o máis efectiva posíbel. Todo se pode falar pero tamén debo subliñar que non caben as chantaxes nen as presións sobre a Consellaría de Vivenda.   De todos os xeitos, unha cousa é o que opine a direción da Fegamp e outra moi distinta o que consideren os distintos alcaldes e concellos. Para min está claro que os rexidores e as rexidoras deben ante todo mirar polos intereses dos veciños, preocuparse porque teñan unha vivenda en condicións.    

12
Abr
2008
Os sábados convosco: O nacionalismo une

 

Esta semana deume unha das maiores satisfacións que pode ter un político nacionalista. A aprobación unánime no Parlamento galego da proposición de lei orgánica para a transferencia do tráfico e da seguranza viaria demostrou, non só,  necesidade e máis a utilidade do nacionalismo, senón o seu carácter conciliador e de unión.  A pór o País po riba das desputas políticas o nacionalismo foi que de unir aos galegos neste obxectivo.

 No debate do Estado da Autonomía do pasado outubro propuxen que fose o propio Parlamento, como representante do pobo galego, o que liderase esta reivindicación. Buscaba así a complicidade común que nace de pertencer ao mesmo pobo. E o tempo deume a razón.  Podemos, pois, sentirnos ledos e orgullosos por ter conciliado e  unido nesta proposta tamén a socialistas e populares. E velaí temos xa a proposición de lei pendente de se debater no Congreso dos Deputados de Madrid. Escoitaredes a algúns que isto de reclamarmos as competencias de tráfico é un capricho. Que o importante é xestionalas ben, fór dende Galiza ou dende Madrid. Non é certo. As transferencias de tráfico e seguranza viaria permitirán atender as nosas necesidades propias (temos unha rede viaria alongadísima no territorio e máis da metade dos núcleos de poboación de todo o Estado) desde un maior coñecemento da nosa realidade. Gobernar a propia casa sempre é rendíbel. Catalunya e Euskadi son os únicos territorios que autoxestionan estas competencias e teñen menores índices de siniestralidade que a media estatal. E foi particularmente salientábel a baixa de siniestralidade que tivo Catalunya desque asumiu as competencias viarias. A transferencia do tráfico será, pois, un instrumento para xerar máis benestar e calidade de vida.          Pero a transferencia do tráfico non se explica só por mellorar e achegar a xestión, por incrementar o noso benestar. O autogoberno non só consiste en xestionar un maior ou menor ámbito de competencias, senón nunha actitude colectiva, como pobo, de nos autoresponsabilizar da xestión dos seus problemas. Esta actitude colectiva é comparábel a das persoas cando chegamos á idade e circunstancias vitais de sermos autónomos. Entón, percuramos gobernarmos a nosa vida, sen que deixemos de manter as máis estreitas relacións coa familia. E supoño que todos e todas estamos dacordo en que as persoas que dan ese paso no seu xusto tempo gañan en autoestima, en autonomía persoal e en madurez. Por iso o autogoberno é, en grande medida, unha cuestión de autoestima e autoresponsabilización.  En xuño do 2007 aprobamos a creación da Policía galega. Esta nova transferencia vai permitir que a nosa Policía xestione  o tráfico nas nosas estradas. Estaremos, deste xeito, ao mesmo nível ca Euskadi e Catalunya. Melloraremos a xestión, reduciremos progresivamente a siniestralidade e, por iso, xeraremos máis benestar. E tamén faremos visíbel en todos os recunchos do País un símbolo nacional: a Policía galega.  Porque para construirmos a Nación precisamos da vontade das persoas que a componen, pero tamén do recoñecemento común dos nosos símbolos nacionais. E un dos caracteres e símbolos dunha Nación é ter unha Policía de seu. Nación e Policía propia van sempre xuntos.   P.D.:  Hai que salientar o grande labor o de Chus Lago, secretaria xeral de Benestar da Vicepresidencia da Xunta. Chus demóstranos como se compatibilizan as convicións nacionalistas coa defensa da igualdade das persoas e a integración social de todos os colectivos. Nestes tempos nos que algúns chaman á exclusión, ao medo e á discriminación, Chus apréndenos os valores da solidariedade e da inclusión. Todo un luxo para Galiza. 

11
Abr
2008
Semana de investidura

  Esta semana está claramente marcada polo debate de investidura que como sabedes tivo que ir a un segundo “round”. Seguín o debate como puiden porque o día que falaba o candidato Zapatero, martes ás 12.00 horas, era plena hora punta de tarefas. Logo, ao mediodía, metínme nas edicións dixitais e lin o discurso que xa estaba colgado integramente. Mirádeo, de arriba a abaixo, e comprobaredes que Galiza brila pola súa ausencia. Nen siquera foi nomeada polo recén investido, en segundas voltas, Presidente do Goberno español que, si tivo a deferencia de mencionar a outros territorios. Como é habitual, había que agardar á intervención do BNG para escoitar falar sobre o pais.  O día do discurso de investidura do candidato á Presidencia do Goberno español tamén falaba o noso portavoz no Congreso, Francisco Jorquera. Confeso que estiven toda a tarde ansioso por velo na pantalla do televisor. Tiña medo de perderme a súa intervención e fun reiterativo, incluso pesado, preguntando ás persoas que traballan comigo se comezaba xa Jorquera. Como a cousa foi con calma, deume tempo a chegar a casa porque non comezou atá pasadas as nove da noite. Non é amor de pai, pero Paco fixo un discurso moi bón, claro, cun tón tranquilo e debullando todo o fundamental. Aí se iniciou tamén o tempo de Galiza neste interesante debate, rabiosamente presente ó longo de toda a intervención do BNG. Momento no que a José Luis Rodríguez Zapatero non lle quedou máis remedio que replicar e contrareplicar sobre o plantexado por Jorquera, que por suposto versou sobre Galiza. Nese preciso instante foi cando falou en exclusiva do pais porque o BNG llo demandou. Tede por seguro que Galiza existiu no debate de investidura porque os nacionalistas galegos a pronunciamos unha e outra vez no noso turno de intervención. Zapatero tivo que respostar ás cuestións plantexadas polo BNG porque non lle quedou outra aínda que hai que dicer que non se mollou moito, non fixo compromisos concretos máis alá das boas palabras e a boa disposición amosada a dialogar con nós. Pero o BNG busca concreción, cousas palpábeis para Galiza, compromisos con nome e apelidos e non só boas palabras.Esa foi a razón da nosa abstención tanto na primeira volta da votación como hoxe na segunda volta. Unha segunda volta na que nada mudou como ben dixo Paco Jorquera.  

5
Abr
2008
Os sábados convosco: Que foi do talante?

Esta semana foivos intensa e deixoume poucos folgos para ler a prensa polo miudo. Hoxe erguinme cedo, fixen café e botei riba da mesa os comentarios adiados. Unha vez máis e como moita outra xente, confésovos que non dou ben entendido as voltas e reviravoltas que adoitan dar os políticos de Madrid.  Agora resulta que os socialistas, que tanto nos falaron na campaña do diálogo, da negociación entre todos e da España plural e que tanto medo- xustificado- puxeron na xente cos do PP, queren ser un pouco coma eles. E prefiren que Zapatero e Bono saian elixidos nunha votación sen maioría antes de que se vexa que tentan resolver os problemas da xente dialogando entre varias forzas políticas, entre elas o BNG. 

  É unha mágoa que, despois de perder as eleccións, o PP trunfe dalgún xeito e exporte ao PSOE esa cultura política de impór as ideas sen dialogar e de rexeitar os consensos e as negociacións. Pero tamén é salientábel a propia debilidade política de Rajoy e do PP. En calquera parte de Europa, se o candidato máis votado non é quén de formar unha maioría de goberno o segundo máis votado seguramente poderá obter os apoios que os restantes partidos lle negaron ao primeiro. Zapatero non é quén de obter unha maioría sólida e Rajoy aínda menosNon comeza ben un Goberno que elixe sair con maioría relativa simplesmente por non querer dialogar co BNG e con outras forzas políticas. O PSOE non cumprirá con Galiza se pecha os ouvidos ás demandas do BNG de máis autogoberno e de garantir o 8% dos investimentos en infraestruturas e do 10% do gasto social estatal. Se non asume a necesidade de garantir a pureza do voto exterior nuns poucos meses e non nos deixa producir o que queremos e para o que valemos no naval, no lácteo e nos nosos viños, entre outros. Se Zapatero non inclúe a atención aos nosos intereses no seu proxecto de investidura o BNG non lle pode dar dar o seu apoio.   E non será pola falta de esforzo e de avisos por parte do BNG. Pero tranquilos todos e todas. A investidura dura un día e unha lexislatura catro anos. Agora é fácil cometer a irresponsabilidade de se preocupar polo “que dirán”, mais cando haxa que gobernar e darlle estabilidade ao goberno  terán que dialogar e negociar. E terán que contar co BNG. Un BNG ao que gobernar na Galiza e nos seus principais concellos e estar na oposición en Madrid daralle un escenario cheo de posibilidades estratéxicas. Malia que, pola curtedade de miras do PSOE, problemas importantes de Galiza non se poderán resolver de xeito inmediato. P.D: “Chapeau” por Paco Jorquera, o noso portavoz no Congreso. Pola súa capacidade de traballo, intelixencia e sensibilidade. Capacidade de traballo para pór no centro do debate a Galiza e ás súas necesidades. Intelixencia para defender os intereses do BNG. E sensibilidade para recoñecer os méritos doutras forzas políticas, o que non foron quén a facer  algúns “progres”. .